martes, 30 de xuño de 2015

Corpus Christi San Xoán de Camboño

Instantáneas e vídeos da alfombra floral elaborada polas veciñas e veciños de Camboño, procesión e bendición ao pes do cruceiro de toda a parroquia, por parte do Santísimo.

Quixera agradecer a excelente acollida que me tributou a súa xente cando cheguei para elaborar este amplo reportaxe, a maioría non me coñecía como tampouco eu a eles, mais os que si xa me coñecían fixeron correla voz de quen era. Rota a sorpresa de ollarme coma un turista máis, xa comecei a escoitar «este ano as NOSAS alfombras van poderse ver por todo o mundo», algo que me deixou petrificado.

Algunha xente achegouse a saudarme e un avó, preguntoume: «para ver isto en Internet, que teño que facer?», e outro cando veu que tiña dificultades para subir ao pequeno balado do Adro, achegouse para axudarme a subir dicíndome: «apóiate en min».

Ao final púxoseme un nó na gorxa e pasoume como a Don Ramón, que tivo que coller folgos para rematar de felicitar aos seus fieis polo traballo que pasaron elaborando as alfombras para honrar ao Santísimo, iso motivou que Don José o párroco de Tállara, que cooficiou o acto, contara unha anécdota.

Tal e como me relatou Rosa Marí, neta do finado de meu tío avó Juan, e un veciño que tamén colaborou picando o verde, aparte dos días previos, comezaron a elaboralas alfombras ás 5 da mañá, rematando ás 12 do mediodía, ela un pouco máis tarde.

A verdade é que baixo o meu punto de vista fixeron un excelente traballo, o sitio tamén se presta para lucilo, e se por riba un Grupo de Gaitas, neste caso unha mestura de Canlebó de Camboño e Falcoeira de Nebra, o resultado foi un acto moi entrañable.






Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.