domingo, 13 de xullo de 2014

Requiescat in pace, Juan Francisco


Tódalas mortes teñen que ser terribles, mais coido que morrer queimado ten que ser un suplicio, e máis se te das conta e o único que podes facer é gritar.

Fai anos colaborando coma voluntario nun incendio no noso monte (construín a miña propia pala de caucho), tentando evitar que nos cruzase un camiño, un refacho de vento lanzounos o aire quente, polo que votamos a correr lonxe del e no meu caso, notei que me entraba tanto ao pulmóns, que non ía ser capaz a poñerme a salvo. Por sorte conseguímolo todos e quedou nun susto, no meu caso difícil de esquecer, e que non me gustaría revivir outra vez.

Coñecía a José Ramón desde moi neno e logo porque estiven enrolado con seu pai no Romina de Portosín pescando á gareta ou cerco e amigo de súa irmán María Elena e o seu home, Manolo, afillado do finado de meu pai.

Por diferenza de idade non tanto de seu irmán, mais sempre que nos vemos cruzamos un saúdo.

E desde que andaba na súa cadeira de rodas motorizada, cando me coincidía velo pasar por diante da miña casa ou polo Son, sempre nos dabamos os bos días, e como despedida dicíalle: Ata logo "chaval", por iso troqueille o titular á noticia.

Agora só lle podo dicir: Adeus Juan Francisco, oxalá no teu destino final, desfrutes máis do que puidestes facelo aquí.

P.S., ao parecer morreu asfixiado polo fume. Para el sería unha morte doce, mais para a súa familia só é un pequeno consolo.

Velorio, no Tanatorio de Ribeira, con saída mañá as 17:30 h., e posterior funeral en San Sadurniño de Goiáns.


La Voz de Galicia: Morre un "chaval" de 42 anos nun incendio na súa casa en Portosín

O veciño de Portosín Juan Francisco T.B., de 42 anos de idade, faleceu a pasada madrugada durante un incendio que se declarou na súa vivenda, situada na aldea de Mantoño (Goiáns). Segundo explicaron fontes de Protección Civil de Porto do Son, o suceso tivo lugar pouco despois das 2.00. Todo apunta a que a vítima quedouse durmida mentres fumaba un cigarro, que prendeu lume no colchón da cama na que se atopaba. Foi súa nai, que sofre problemas de mobilidade, a que deu a voz de alarma e o pai o que se encargou de sufocalo lume. De feito, cando chegaron ao lugar os membros de Protección Civil as lapas estaban extinguidas, pero Juan Francisco T.B. xa estaba morto. Ata o lugar do suceso desprazáronse tamén axentes da Garda Civil e bombeiros de Boiro.

A vítima, tetrapléxica desde o seu nacemento, era unha persoa moi coñecida en Portosín. Era habitual velo paseando coa súa cadeira eléctrica, saudando a todos os veciños cos que se cruzaba. A súa morte causou gran conmoción na localidade, fundamentalmente entre os veciños da pequena aldea de Mantoño. Varios, alertados polos berros do pai, levantáronse de madrugada e colaboraron nas tarefas de extinción das lapas, que destruíron por completo o cuarto no que ocorreu o tráxico suceso.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.