martes, 29 de xullo de 2014

Desvelado o que para min e moitos era un misterio

Non era un castro, mais tampouco é unha construción de antonte.

La Voz de Galicia: Unha escavación deixa ao descuberto restos da Idade Media na serra de Barbanza

Son varias decenas de casas en Boiro, A Pobra e parte de Ribeira que, todo apunta, pertencían a unha ampla poboación de gandeiros

A monumentalidade da serra de Barbanza é un filón que aínda está por descubrir. Iso din os expertos en arqueoloxía que coñecen a fondo este macizo coruñés con vistas ás rías de Arousa e Noia, e que cada vez que conseguen os fondos e os permisos necesarios logran demostrar que as súas teorías científicas teñen fundamento. O último achado non pode considerarse baladí, e é que un grupo de profesionais procedentes dalgunhas das universidades con máis prestixio do Estado descubriron os restos dunhas vivendas da Idade Media, algo que, ata o momento, ninguén atopara na serra.

Os traballos, por agora, concéntranse nunha das casas que están localizadas, e que afectan aos concellos de Boiro, principalmente, A Pobra e un parte pequena de Ribeira. Esta vivenda sobre a que traballan unha media de 20 persoas ao día, a elevadas temperaturas, está localizada na cabeceira do río Barbanza. O labor realizado ata o momento permite afirmar que a estrutura escavada ten unha planta cuadrangular, e unha segunda construción anexa cunha planta de semicírculo. O acceso á casa está orientado ao oeste, e o chan é de laxas de granito.

Este grupo de profesionais, que traballa desde hai días sobre o terreo, está convencido de que a poboación que residía aquí era elevada, tal e como demostra o feito de que son moitas as estruturas que foron inventariadas para ser estudadas. Outro dato que hai que resaltar está relacionado co tipo de economía que tiña esta poboación, e que viraba sobre explotacións gandeiras que se alimentaban do pasto existente na serra.

Carbono catorce

Os arqueólogos están convencidos de que estes restos teñen unha antigüidade duns mil anos. Aínda que este dato, segundo explica o profesional barbancés Víctor Barbeito, será concretado coas probas de carbono catorce que se prevé realizar, e que permitirán elaborar unha cronoloxía deste patrimonio inédito localizado na parte alta da zona.

Barbeito, que é un gran coñecedor da arqueoloxía na comarca, ademais de director do centro de Neixón, afirma, con cautela, que estes restos poden ser da alta Idade Media, unha época que coincide coa caída do imperio romano. Ademais, engade que, nese momento e nesta parte de Galicia, a poboación que residía na costa repregouse á montaña para evitar os ataques que se rexistraban no litoral, que, parece ser, eran cada vez máis frecuentes.

O que está claro é que este é só o inicio dun gran achado do que unicamente se tiñan sospeitas, polo que agora só haberá que esperar a que estes profesionais conten cos medios para seguir achegando luz á historia e concluíndo o traballo iniciado.

Paco do Martelo: Un Castro na Serra do Barbanza?

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.