martes, 29 de abril de 2014

Romaría da Virxe dos Miragres en Baroña

Cruceiro da Virxe dos Miragres

Idade Moderna: XVI-XVIII

Realizado en granito. Trátase dun cruceiro de capeliña con sinxela cruz cuadrangular, coa imaxe de Cristo crucificado labrado no anverso con tres cravos, cabeza para diante, con coroa de espiñas, pano de pureza anoado á esquerda e INRI de cartilla; fuste octogonal con remates; posúe base cuadrangular; plataforma cuadrangular de tres chanzos. A capela é ornamentada coa base moldeada, tellado en cúpula e no interior a Virxe dos Miragres, policromada.
Esta romaría á que moitas devotas aínda acoden andando desde outras parroquias do entorno, celebrase na Parroquia de San Pedro de Baroña o seguinte domingo ao de Pascua. A magoa é que desde fai uns anos non hai verbena pola noite, e como dicía un amigo de Queiruga, non lanzaron nin un triste foguete e tampouco houbo gaiteiros para darlle un aire máis lúdico a esta festividade.
No aspecto persoal, este día tráeme un mal recordo, xa que un coche bateu contra min que ía na miña relucente Puch Gacela, co resultado de ter que levar tres puntos nunha perna e se a cousa non foi a maiores, foi grazas a que levaba o casco.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.