venres, 7 de febreiro de 2014

MIL GRAZAS!!!

Debo recoñecer que son moi estrito é crítico cando observo unha inxustiza, mais grazas á educación recibida son quen de sacala miña vea máis gratificante. Xa pasou un ano, porén nesta data tan sinalada para min, no quería pasala sen dalas grazas, ao equipo médico do Servizo de Urxencias do Hospital da Barbanza, pola rapidez coa que me atenderon o día 31 de xaneiro de 2013, por mor dun Ictus que sufrín, ao servizo de neuroloxía do CHUS a onde fun derivado ese mesmo día, e ás enfermeiras e enfermeiros que me atenderon, no terceiro andar.

Xa en Urxencias no CHUS, o doutor Santino, un rapaz ao meu lado, confirmoume a doenza e que tiña que pasar polo quirófano, asumín con total tranquilidade a situación, supoño porque era consciente de que esa tranquilidade tiña que ser un punto ao meu favor..., o peor de todo sería caer no desanimo. E así o constatou co seu equipo no informe: Consciente, orientado e colaborador.

Outro profesional ao que teño que agradecerlle moito pola serenidade que me transmitiu, antes de entrar no quirófano, foi o anestesista, que tamén pesar da súa xuventude, deume unha confianza total. Chegando mesmo a chancear con el, porque a imaxe que nese intre veu á miña memoria dun quirófano foi o das películas, cristados no teito, moi parecido ao do Sanatorio de Nosa Señora da Esperanza, de Santiago, onde fun operado con 9 anos polo Doutor Quintáns Pardo. A súa resposta foi que agora grazas aos vídeos todo iso mudou... nese intre debín quedarme durmido coma un paxariño porque é o último que lembro.

Segundo a familia a operación durou sobre tres horas. O peor intre que lembro foi ao despertar, cun frío espantoso. Pareceume escoitar que sufrín hipotermia, polo que aínda tiña que estar no quirófano, xa que notaba como me movían dun lado para o outro, supoño que da mesa de operacións á cama. Mais en realidade a sensación coa que me quedei, intuíu que debido aos efectos da anestesia era que había quedado durmido á intemperie e que alguén destaparame de golpe. Tamén lembro que me queixei porque me botaron unha man á zona onde tiña unha vía na aorta e que alguén preguntoume do 1 ao 10 dinos que sensación de dor sentes e onde? A miña resposta foi un 8 levando un dedo á cabeza. Tíñaa vendada pero nese intre nin me decatei de que xa había sido operado.

Xa na UCI botáronme unha manta térmica, recuperándome axiña desa fría sensación. Despois destes avatares, aí foi onde me sentín plenamente a gusto, sobre todo ao comprobar o grado de profesionalidade das catro ATS que en todo momento controlaron o meu postoperatorio, a pesares dos fortes recortes que por culpa da mala xestión dos políticos están, «estamos», a sufrir.

Na primeira quenda tocoume Uxía, que tería pouco más de 20 anos, a cal seguramente dada a súa xuventude o seu soldo seguramente non pase dos mil euros. Moito tivo que aguantar a pobre cun pácente que estaba illado nun cubículo, o cal á menor oportunidade en canto o tiña que atender, arrancaba todo, chegando nalgún intre mesmo a poñerlle as mans enriba.

A segunda foi a señora María, unha muller «baixiña» que tiña que subirse a un tabúlete, mais a valía das persoas non se mide pola súa estatura, se non pola súa amabilidade. De aí que que constantemente lle dese as grazas. Repetinlle tantas veces esta verba, que a deixou perplexa, indicándome que era o seu traballo. Díxenlle que xa o sabía, mais como me sentía tan a gusto era a mellor forma de expresarme, e que esta costume herdara da familia e na emigración.

Obrigación de velar por min, tamén era a do Inspector Médico que me examinou dun xeonllo, o cal atrévome a dicir que cobra máis que estas catro mulleres xuntas, mais á vista das probas e informes que teño despois de «pasar» de min, fixo un informe coma se me examinase media hora e non pasou de dous minutos, polo que grazas á súa ineptitude perdín o traballo que tiña, e logo outros dous.

A terceira «fada» en atenderme, e non quixera errar, coido que foi Sofia. Tamén moi atenta. A derradeira foi Amanda igualmente servizal..., e de aí novamente a habitación 330 onde con gozo recibíronme as enfermeiras da planta.

Non quero esquecerme tampouco do Servizo de Radioloxía, foron 32 sesións e cando por algún motivo tiña que varialo horario, xeralmente por ter citas médicas, adaptábanseme ao horario máis favorable para min.

E xa para rematar á doutora Varela e ao doutor Barón que son os que seguen a miña evolución... E en boa hora o diga, todo satisfactoriamente.

Como digo ao principio, xa pasou un ano, mais lémbrome como se fose hoxe, polo que en sinal de gratitude dedícolles estas letras e todo o meu agarimo. E para non facelo coas mans valeiras, fágoo acompañado desta foto e vídeo da Fervenza do Guerreiros. Para min, un dos máis fermosos agasallos co que nos deleita o Barbanza... A parte de que nesta vida hai que ser un «guerreiro».


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.