venres, 21 de febreiro de 2014

Belas lembranzas de Porto do Son

En 1962 tiña 3 anos e seguramente apenas coñecía o Son, salvo que me levasen ao médico, xa que de pequeno por problemas dos «bronquios» cada dous por tres caia enfermo. Tendo que levar inxeccións, que me viña poñer a Resúa, tía Estrella da Pedra do Lobo, que fora enfermeira no Hospital dos Reis Católicos, reconvertido hoxe no Hostal.

O que si lembro perfectamente era ir á botica da fonte, atendida por Dona Teresa e o seu home. Entrar nela era un mundo aparte, polo olor característico que tiña, supoño que debido a que por aquel entón moitos preparados facíannos ali.

Porén a verdade sexa dita, digamos que as lembranzas con máis apego e doadas de recordar que teño, comezaron cando con 6-7 anos, acompañaba a miña nai andando á praza a vender coles e grelos, que levaba nun cesto de corres, e que cargaba na cabeza ao longo de 3 kms.

Xa con 8, meus pais «Q.E.P.D» compráronme a primeira bicicleta, e dende esa cada vez que había que ir á Vila, mandábanme a min, sobre todo cando era para buscar a Don Salustiano, o noso médico, para que viñese atender a algún enfermo na casa, ou ir á ferretería de Casal.

Con esa idade xa reclamaba a miña atención o mundo do mar, polo que aproveitando algunhas saídas acudía ao peirao a ollar como os mariñeiros descargaban o peixe, que para min era unha novidade e quedábame a admirala grandeza do balandro María Teresa, foto de arriba, que tamén poden ollar no vídeo, comparado cos botes de pesca.

Tamén lembro perfectamente o trafego que había na fábrica de conserva porque moitas das súas traballadora pasaban por diante da nosa casa. A súa maior actividade coido que era na época do berberecho, polos camión que entraban e porque unha cinta tiraba miles de cunchas baleiras aos camións ou á rúa.

Xa na puberdade, con 16 anos, cando fun á escola de Don Pepe Sanmamed, que estaba enriba do que hoxe é o Bar Acuario, mandounos facer un debuxo sobre a vida mariñeira, onde o meu traballo consistiu en inmortalizar aquel balandro, que o tempo xa comezaba a pasarlle factura. Coido que non fai moitos anos, aquel debuxo, aínda andaba polo faiado da casa.

Pérez Lafuente... A mediados do século pasado, dada a escaseza de medios para a preservación e transporte do peixe, as empresas conserveiras aínda operaban con pequenas factorías a pé de peirao nas vilas mariñeiras do litoral galego. Por aquel entón D. Alvaro Pérez-Lafuente, o noso actual presidente, puña a proba as súas habilidades coa cámara filmando os traballos e os días da xente de Porto do Son, onde a empresa dispuña dunha fábrica de salgadura e conserva de sardiña.

Pasados 50 anos, aquel divertimento convértese nun verdadeiro documento etnográfico, reflexo dunha cultura allea aínda aos novos ventos do desenrolo e troco que axiña ían transformar uns modos de vida centenarios.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.