venres, 6 de decembro de 2013

Sexa BIC ou non, non se pode facer isto

A esta alturas da "película" calquera profano na materia, sabe perfectamente que non debemos marcar con xiz os petróglifos, mais tamén sabemos porque o fan.

Fai anos podíamos dicir isto dos seus autores: "seguramente o fixeron sen maldade", porén coido que hoxe non é de recibo.


Faro de Vigo: Os petróglifos de Poza da Lagoa aparecen marcados con xiz

O arqueólogo responsable da posta en valor do xacemento censura esta práctica - O conxunto está protexido como Ben de Interese Cultural

Os petróglifos de Poza da Lagoa, no xacemento arqueolóxico de Monte Penide, apareceron nos últimos días marcados con xiz para resaltar os surcos. Esta práctica, prohibida ao tratase dun conxunto protexido coa declaración de Ben de Interese Cultural, supón un importante dano posto que calquera manipulación que se realice pode alterar o gravado rupestre.

O arqueólogo Xurxo Constela, responsable do proxecto de sinalización e creación do museo virtual do parque arqueolóxico de Monte Penide, lamentou onte este novo ataque ao patrimonio cultural e, aínda que admite que o autor ou os autores "seguramente o fixeron sen maldade" coa intención de observar mellor as figuras, censura este tipo de práctica por resultar daniñas ao causar a deterioración dos surcos do petróglifo.

Hai dous meses outro conxunto de gravados rupestres desta zona de Redondela tamén resultou danado cunha acción similar, aínda que nesa ocasión foi máis grave ao usar unha pedra ou algún outro instrumento punzante para marcar os surcos, algo moi prexudicial porque cambia os trazos, crea liñas novas e pérdense datos arqueolóxicos.

Constela tamén critica a intervención realizada o pasado mes pola Comunidade de Montes de Trasmañó na contorna da mámoa do Chan do Intre e dos petróglifos da Porteliña, en Poza da Lagoa, durante a realización duns traballos de corta. Esta acción foi obxecto dunha denuncia por parte dos comuneiros da parroquia veciña de Cabeiro, que aseguraban que os restos arqueolóxicos non foron valados como contempla a Lei para a execución dos traballos e empregouse maquinaria pesada, algo prohibido posto que os xacementos contan cunhas marxes de protección de 200 metros ao redor de cada elemento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.