luns, 23 de setembro de 2013

X Feirón Mariñeiro "A Feira de 1913" en Rianxo


O xoves 19 de Setembro, celebrouse neste pobo mariñeiro a X edición do Feirón Mariñeiro "A Feira de 1913". Ademais da ambientación e os postos de artesanía que se instalaron para a ocasión ao longo das principais rúas da zona vella, tamén houbo animación rueira, actuacións musicais que levaron a cabo diferentes exhibicións, tanto pola mañá coma polo serán.

Historia:
Dentro do programa das festas da Guadalupe ten lugar o Día das Tradicións Mariñeiras, dende 2004. Todo o pobo de Rianxo envórcase na celebración desta festa na que non faltan artesáns, artistas, entre os que se atopaba o luthier de Nebra, José de Tubío, co seu obradoiro, co que departín un bo rato, talleres e música, ambientado no Rianxo mariñeiro de principios de século. Ademais puidéronse degustar pratos típicos, augardentes e licores nos diferentes postos.

Facía tempo que tiña gañas de visitar este Feirón e non me defraudou. Ao contrario que noutras feiras deste estilo, deume a sensación que, comenzado polo seu alcalde, implicase nel a maioría do pobo.

Falando do alcalde que te saúde no medio dun impresionante xentío exclamando agarimosamente Paco do Martelo!!, non ten prezo. Algunha xente pode dicir, non é tan estraño se militastes no mesmo partido, mais non foi por iso. Lembrouse de min porque fai uns anos acudín a Rianxo a unha homenaxe que lle tributaron á nosa Poetisa Rosalía de Castro. O seu mérito é dobre, porque debido á enfermidade que padezo, fisicamente troquei bastante dende esa.

Grazas señor alcalde pola súa cordialidade e amabilidade!!



Diario de Arousa: De 2013 a 1913 en tan só unhas horas

Rianxo puxo en marcha onte por unhas cantas horas a máquina do tempo para pasar do 2013 a 1913 e evocar a celebración dun Feirón Mariñeiro de hai 100 anos. O casco antigo da vila, envolvida desde o pasado venres nas Festas dá Guadalupe, amenceu cunha imaxe moi cambiada, propia da época á que se remontaba ese mercado. Un total de 80 postos de variada natureza estaban repartidos por diversas rúas e prazas nas que outrora pasearon personaxes como Castelao, Manuel Antonio ou Dieste, entre outros moitos que lle deron distinción universal para sempre.

Ademais dos postos de venda de produtos comestibles, as tabernas e artigos de bixutería, destacaron os relacionados cos oficios tradicionais, moitos dos cales están case desaparecendo, como o de oleiro, zoqueiro, ferreiro, luthier, cesteiro, tallista, sombreirería, pasamanería, panadeiro, oleiro e as novidades do cañeiro e do elaborador de nós mariñeiros. O público puido gozar vendo a estes profesionais traballar en directo ante os seus ollos, e a xente puido desenvolver as súas habilidades nalgúns deles, como sucedeu co oleiro coruñés Pepe Otero, ao que se achegaron moitas persoas para que lles ensinase a traballar o barro e elaborar unha vaixela e outra peza.

O panadeiro Manuel Pereira, de O Araño, presentouse cun forno no que elaborou centos de bolos preñados, eses cos que logrou o record Guinness ao máis longo fai unhas semanas durante o Carme dos Pincheiros na Pobra. Do mesmo xeito, exhibiu un pequeno muíño de auga que tamén funcionaba ante a mirada da xente moendo trigo e millo. Tamén engaiolaron ao público José Antonio García "Tucho Cachapanda" e Suso Porto co seu alambique, dándolles de probar a caña que facían nese intre.

Foron centos de persoas as que se sumaron a este Feirón Mariñeiro de 1913, vestidos con roupa da época, principalmente eles con camisa branca e pantalón azul, mentres que elas facíano con saias desa mesma cor. A implicación dos veciños notouse tamén na decoración das xanelas e balcóns, algo que se subliñou desde a comisión de festas da Guadalupe, que levou o peso da organización desta feira.













Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.