venres, 21 de xuño de 2013

Unha cita para non perderse

Que Pasa na Costa: O local triunfa nas aldeas de Carnota

Dobre cita temos esta fin de semana para desfrutar da tradición na súa esencia.

Xa falamos do Mercado Ecolóxico de Quilmas, que terá lugar o domingo 23 con obradoiros e debate sobre o xabarín. Pero antes, o sábado, teremos unha cita fantástica en Vadebois, Caldebarcos, Carnota.

Xa o ano pasado estivemos nesta auténtica Romaría dos Muíños de Caldebarcos. Animada polo bo de Domingo, César Cambeiro e familia, a festa ten moito de sendeirismo, gastronomía (co millo como protagonista nas empanadas, nas chulas, nas faragullas…), de copla e regueifa e moita festa. E este ano contan cun invitado especial, Celso Sanmartín, un dos contacontos de referencia de todo o país.

Envíannos o seu programa aproximado, que en ningún caso se vai respectar.

09:15 Sae a ruta dos intrépidos do “super Cruces”, Caldebarcos. Unha panorámica de todo o monte, todo o Chan de Carnota, e Mares de Fisterra

13:10 Chegada dos intrépidos ós Muíños.
13:30 Comida. Podes levar comida, podes comer do que hai e poden comer do teu. Comida con orixe nas muiñadas e toda saída dos muíños.
15:00 Benvida ecolóxica para mentes ecoloxicamente virxes (a maioría)
15:15 Embestida musical. Esencia de Pedras Miúdas.
15:30 Actuación dos Caldebarcos Montunos.
15:40 Vaselina musical. Pedras Miúdas en esencia.
15:45 Un conto, dous contos, tres contos …
15:55 Os contos de Celso San Martín, o contador de Lalín.
16:30 Raigames musicais. Pedras Miúdas na raíz.
16:45 Actuación dos Caldebarcos Mariños.
16: 55 Regueifa. Degustación.
17:00 Celso San Martín. Contos para saber quen somos.
17:45 Papas de millo molladas en Muiñeira. Estamos buscando a especialista en papas de millo deste ano. A Raíña das Papas de Millo!!!!!
18:00 Queimada. Esconxuro popular con tránsito a outros mundos.
18:30 Seguen os contos e as regueifas para pasar o serán.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.