luns, 27 de maio de 2013

Non se pode nadar e gardala roupa


A Comedela destes días en Noia foi a talla desta acacia, que suscitou un intenso debate nalgúns foros, e na rúa. Por conciencia medioambiental aínda que non sexa de Noia, tamén aportei o meu gran de area, xa que nun principio, presuntamente a desculpa de tamaña aberración fora que os paxaros que se pousaban nela «defecaban» sobre a xente... Vamos que por esa regra de tres habería que tallar a maioría de arbores do entorno.

Porén cando alguén dixo que o motivo fora unha sentenza xudicial, pola miña parte decidín pechalo tema, mais ollando as desculpas do BNG de Noia seguramente pola presión social, culpando a unha compañeira, non do partido, se non do trigoberno do que forman parte, quedei abraiado.

Como pode ser posible que unha edil, por moita competencia que delegaran nela, poida facer e desfacer na súa area de goberno o que se lle antolle, sen darlle explicacións ao resto dos membros do trigoberno?

Na foto, observase perfectamente que a talla non se fixo de noite, con premeditación e aleivosía, se non que efectuouse a plena luz do día. A pregunta é onde estaban os edís do BNG, nese intre?

De estar gobernando outro partido, dáme igual cal, deixarían tallala e logo sacarían a nota de prensa ou farían algo máis como fixeron noutras zonas?

Tema distinto de aí que aproveite esta polémica, foi o que nos fixo a Consellería do Medio Rural en mans do BNG e o presidente da Comunidade de Montes, tamén do BNG, abríndonos esta pista polo medio e medio dun agro. Neste caso os dous, si que actuaron con premeditación, aleivosía, porque como ben teño dito, sendo o secretario da Comunidade fun o último en ser informado do que para min, considero que foi un roubo.

Poida ser que os Concellos xa sexan: monopartitos, bipartitos ou tripartitos funcionen por áreas delegadas pola alcaldía, porén nas Comunidades de Montes non é así. As Xuntas Reitoras previa reunión e acordos tomados, están obrigadas a levalos a Asemblea, para que sexan ratificados ou se é o caso, desbótalos. Algo que como ben digo, isto non sucedeu con esta pista. Mais a gravidade do asunto foi que o Concelleiro cometese fragrante delito.

A maiores, todo isto ben a darme a razón na contra daqueles que, na última xuntanza que tiven na Asemblea Local do BNG de O Son, déronlle a razón ao presidente e polo tanto tamén a seu primo: O Concelleiro.

Ollando a tres deles neste vídeo, está visto que, se a «quita ou roubo» a exercen outros partidos, é censurable, se o comete o seu, é perdoable.




Xornal Certo: Noia: o Bng, socio no goberno local, tamén en contra da talla da acacia do parque infantil da Alameda

Inda están a suscitarse reaccións ante a talla da enorme acacia que estivo no parque infantil da Alameda de Noia ata o pasado luns 20 de maio. Desta volta é un socio do goberno tripartito local, o Bng, que emitiu a seguinte nota de prensa:

“Con respecto ao triste suceso da talla da acacia do parque infantil da alameda de Noia o BNG mantén o posicionamento seguinte:

O grupo municipal do BNG do Concello de Noia por principios de protección medioambiental rexeita a talla de árbores, sexan estas especies catalogadas e protexidas, ou non. Só en casos moi fundamentados e inevitábeis se vería procedente tal acción.

Calquera que se interese pode comprobar que o que estamos a dicir non se trata de simple retórica. Cando o BNG tivo a responsabilidade de goberno nesta materia en Noia, fixéronse plantacións tanto na zona urbana como na periurbana. Aí están os casos da rúa Carreiriña, rúa de Galicia, rúa Espírito Santo, Malecón de San Lázaro ou Testal, por citar algúns exemplos. Unicamente, e no que nós consideramos conxuntura de forza maior, naquel tempo fixérase o trasladocustosísimo dunha árbore de moito porte, un magnolio, que desgraciadamente non sobreviviu. Fora con motivo de abrir a que hoxe é a principal arteria viaria de Noia, a rúa Pedra Sartaña, e sen a cal actualmente non poderíamos contar cunha estación de autobuses na nosa Vila.

ERRO DUNHA CONCELLEIRA QUE NON É DO BNG

Aclaracións sobre o funcionamento dos gobernos municipais

Segundo a actual Lei de Réxime Local, o grupo de goberno, sexa este monopartito, bipartito ou tripartito funciona por áreas delegadas pola alcaldía. Aínda que, en principio, a lei outórgalle ao alcalde a capacidade de reter na súa posesión o control de todas as áreas de goberno, este pode delegar nos distintos concelleiros e concelleiras que compoñen o grupo de goberno. Unha vez que o alcalde delega nun concelleiro ou concelleira, estes teñen plenos poderes para organizar e tomar decisións sobre todas aquelas materias que ateñen á súa área delegada. Só aqueles proxectos ou resolucións sobre temas de moita envergadura precisan da participación e decisión do conxunto do grupo de goberno municipal; podíamos pór o exemplo da redacción do PXOM.

No que respecta á xestión cotiá non se producen interferencias nas distintas áreas de goberno. Así, se o concelleiro-delegado de urbanismo comete un erro, ilegalidade ou abuso na concesión da licenza dunha obra, evidentemente, non se lle pode imputar esta falta ou delito ao conxunto do grupo de goberno, que nada tería a ver na comisión de tal falta ou delito.

Noia: a asociación cultural “A Devesa” critica a talla da acacia do parque infantil da Alameda

1 comentario:

  1. ¡Víronlle as orellas ó lobo! http://www.elcorreogallego.es/terras-de-santiago/ecg/tala-acacia-alameda-abre-nueva-brecha-gobierno-noies/idEdicion-2013-05-28/idNoticia-808803/

    ResponderEliminar

Os comentarios son libres, só pido sentido.