mércores, 1 de maio de 2013

In Memoriam a unha muller pioneira

Antonte foi soterrada no cemiterio parroquial de Santa María de Nebra, a señora Pilar Ramos Castro, viúva de Antonio Queiro Martínez «Casteliño».

Segundo a información que procurei debeu ser a segunda muller taxista de Galicia, aínda que durante moitos anos estaba en que fora a primeira, mais parece ser que ese privilexio tívoo unha lucense, á que nun principio tamén sinalaron como a primeira taxista de España, cando en realidade parece ser que foi a leonesa: Piedad Álvarez Rubio.

Onde parece que non hai dúbidas é que, a primeira condutora de camións, si foi unha galega: Celia Rivas Casais.

A señora Pilar xunto co seu home, e nalgunhas ocasións, o seu fillo Toñito, durante moitos anos foron os taxistas da «casa». Daquela, finais dos 60 e principios dos 70, o medio de transporte exclusivo de moitos mariños da mercante, entre eles meu pai «q.e.p.d», eran os taxis. O meu proxenitor adoitaba desprazarse exclusivamente a Bilbao, na procura dunha praza nos mercantes que alí atracaban até que, trocaron os tempos e chamábano directamente, sendo xa os desprazamentos só ao aeroporto, salvo cando atracou en Avilés que fomos toda familia co seu home.

Como muller da época, ademais de taxista tivo que exercer de ama de casa e tamén rexentou unha tenda en pleno casco urbano de O Son.

Aquí na rúa Camiño Novo tivo a súa tenda
Foise sen unha triste homenaxe por parte das distintas corporacións municipais que gobernaron o noso Concello. Ollase ás claras que o día 8 de marzo os nosos políticos e políticas esquecesen das mulleres traballadoras sonenses que exerceron en moitos casos, traballos exclusivos de homes. Como miña nai que tamén tivo un destacado papel. Foi a primeira que traballou facendo "murrillo" para botarlle formigón as rúas do Concello. Traballo ao que posteriormente sumouse tamén, miña tía Rosa.

As dúas xunto con outras mulleres da parroquia e do Concello adicáronse tamén a traballar na forestal, abrindo pistas á man e plantando pinos, que logo duns anos deron pe, para que algunhas Xunta Reitoras, entre elas a de Nebra, dilapidasen os fondos grazas aos beneficios obtidos coa súa venda.

A única homenaxe non oficial que tivo a señora Pilar por dicir algo, foi unha entrevista que lle fixo La Voz de Galicia ou El Correo Gallego.

No caso das traballadoras forestais, tanto as autoridade locais como as Comunidades Montes, aínda están a tempo de facerlle unha, ao meu entender, máis que merecida homenaxe ás poucas que quedan entre nós, tanto en Nebra coma noutras parroquias. Neste caso xa o dixen fai tempo coido que ben o merecen, aínda que para a maioría ese recoñecemento chegue tarde!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.