venres, 8 de marzo de 2013

A Mora

©: animais en adopción en Galicia

Mora era unha cadela que vivía na casa de meus avós de Resúa a principios dos 50, estando meu pai aínda solteiro. Entre nós, salvo excepcións, algúns cans son bautizados pola cor da súa pelaxe. Mora era negra.

Naquela época os montes eran dos veciños e veciñas e como estaban sen repoboar, tiñan moito pasto, de hai que, moitas familias tivesen ovellas e cabras para poder subsistir. Na casa de meu avós tamén había algunhas, e como xa teño comentado, cando a Ditadura botou man dos montes, coma tódolos veciños da parroquia, víronse obrigados a mal-vendelas.

Mora era moi intelixente e unha excelente pastora que en canto ollaba que miña tía Manuela (q.e.p.d) abríalle a porta da corte para levalas ao monte, era a primeira en saír do curral para guialas e xamais deixou que se extraviase algunha.

Nunha ocasión, meu avó e meu pai, foron ao batume a un agro que se atopa nun anovado chamado Os Balados, na beirada do monte Iroite. Ese día tamén os acompañou Mora.


Días despois, meu avó botou en falta un cabestro (corda para amarrala carga no carro das vacas), e preguntoulle a meu pai se o vira. Díxolle que non, pero entón decatáronse que tamén levaban uns días sen ollar á Mora, mais como non era a primeira vez que faltaba da casa nese intre non lle prestaron moita atención, polo que comezaron a preguntarse se non lles quedaría no monte cabestro e por iso non aparecía tampouco a cadela. Tiña ese defecto como deixasen algo atrás alí agardaba ela.

Meu avó mandou entón a meu pai na procura do cabestro. Cando comezou a menos subir polo camiño de As Gavias que daba aos agro, atopouse coa Mora que o viña arrastrando o cabestro coa boca.

Dado os anos transcorridos, meu pai non é capaz de precisar se foron 2 ou 3 días os que botou alí sola no monte protexéndoo, mais como pasaba o tempo e seguramente chegoulle a fame, actuou con esa intelixencia que só podemos atopar nos animais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.