luns, 10 de setembro de 2012

Unha historia de miseria

Canta miseria pasaron os nosos antergos, para que agora, uns que se senten privilexiados pensen que por rabuñar un puñado de votos xa poden facer o que lles pete.
En 1789 o alcalde maior de San Nicolau de Portomarín e os seus agregados, seguindo o mandado dunha Real Instrución, pasou a recoller contestacións a unha enquisa coa que aqueles ilustrados dos gobernos madrileños querían coñecer o pulso dos reinos.E así vemos o que sucedía nunha aldea do interior da Galiza, na aldea da Pena de Mirallos, na parroquia de Santa María de Ferreiros, en pleno Camiño de Santiago.

Un dos contestantes foi Alonso López, labrego «do estado chao» de 39 anos, casado con unha muller de 34 anos, e que tiña na casa ao seu pai, de 81 anos, á nai, de 70 anos, dúas fillas, de 4 e 2 anos, e dúas irmás, unha de 32 anos e outra de 30 anos. Era, como a grande maioría dos seus conveciños, analfabeto. Non era «oficialmente» pobre, mais levaba unha vida de malpasar, porque eran moitos os rendistas que vivían do seu esforzo. Unha historia de miseria e submisión como a da maior parte dos galegos do seu tempo.

E mentres en Francia andaban coa Revolución á volta na loita pola liberdade, a igualdade e a fraternidade.

A alimentación
Preguntado Alonso López polo consumo de carnes e outros produtos, manifestou que só consumía as carnes dun leitón cebado de 24 libras en canal, que non consumía viño «por non poder», non daba razón de vinagre, non consumía bacallau nin velas de cebo. Gastaba unha libra de xabón «que se merca polas feiras de fóra» a razón de catro reais. Non consumía xéneros estranxeiros nos seus vestiarios nin nos da familia, e para se vestir servíase de lenzo e estopa, cun consumo de 20 varas, a razón de dous reais e medio a estopa e 3 reais e medio o lenzo. Non vendía a la das súas ovellas, «pois a pouca que teño consúmoa no vestiario da miña familia».

No ano da declaración collera vinte fanegas de centeo, dous ferrados de millo, catro ferrados de castañas, dous ferrados de cebada branca, dúas arrobas de liño en rama, medio carro de herba seca e un carro de nabos. A pataca, a auténtica salvadora e remediadora dos estómagos galegos, aínda non chegara por estas partes.

É máis que posible que a produción obtida por Alonso López fose maior da declarada, pois, xa se sabe que a ocultación de datos positivos ás autoridades é unha constante histórica, e poñendo estes datos en relación ás rendas (que si se declaran con exactitude), de ser certa a relación de produtos sería un auténtico milagre que puidese soster nin a un só dos membros da familia.

O gando declarado tamén era curto. Dúas vacas de labranza, valoradas en 12 reais, dúas ovellas de 16 reais e unha porca de 12 reais eran toda a facenda que declara, e é de sospeitar que o número de vacas fose real, mais non o de ovellas e porcos.

Pagaba de tributos á Súa Maxestade 22 reais e medio, é dicir, o valor declarado de dúas vacas, unha ovella e un cuarto e pico de outra, iso en cada ano.

O pago de rendas
Por rendas en centeo, en cada ano, pagáballe 6 fanegas (aparte de 6 reais en diñeiro) á Encomenda de Portomarín; 10 ferrados a don Xosé Toirán de Castrelo en Santiago de Laxe; 2 ferrados e medio a Xoán Toirán, do mesmo lugar; 4 ferrados de centeo á igrexa de Gondrame; unha fanega ó Señor de Pol; dous ferrados ó lugar de Vilarbasín; outro ferrado por primicia á igrexa de Santa María de Ferreiros. e medio ferrado ao Apóstolo Santiago, por Voto.

Da suma resultan 28 reais e medio en diñeiro e 48 ferrados de centeo, que era o que en cada ano tiña que apartar da produción para os señores eclesiásticos e leigos cos que estaba obrigado.

A vida do labrego
E isto non era unha situación rara ou excepcional. Todos os labregos de toda Galicia estaban obrigados a pagaren rendas ás igrexas, mosteiros, hospitais, obras pías, capelanías, fidalgos e nobres, da máis variada procedencia, e mentres as tullas dos favorecidos da fortuna enchíanse tódolos anos, as arcas dos labregos baixaban acotío, véndose na necesidade de pedir pan emprestado, con devolución incrementada, aos administradores das tullas que eles mesmos encheran.

Alonso López, que traballaba terras forais da encomenda de Portomarín, nas mesmas condicións que os das parroquias do actual concello de Portomarín e da maioría das parroquias do concello do Páramo, aínda era un privilexiado, porque posuía un bo número de fincas e peor estaban os «caseteiros» que só tiñan unha casoupa de terróns na que vivir e gañaban a mantenza e a soldada ocasional compartindo a miseria dos da súa clase e sufrindo a «caridade» e a fachenda de fidalgos de medio pelo, con moito brasón pétreo e escasa conciencia cristián.
Fonte: La Voz de Galicia

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.