mércores, 8 de agosto de 2012

San Caetano 2012

San Caetano
Confeso, debeu ser a primeira vez que escoito unha misa en San Caetano, supoño que influenciado porque era outra romaría á que non me acostumaron a ir de pequeno, aínda que si pola noite. Lembro ter haber ido, xa de casado, a algunha sesión vermú, ben porque actuaban os meus fillos, ou invitado por algúns amigos.

Como ben digo, non podo ter unha opinión contrastada da xente que acudía a esta romaría, pero pareceume que había moita a pesar de caer en martes, e que hoxe en día, e nestes tempos moitos máis, o traballo está por riba de calquera tipo de celebración, xa sexa familiar, relixiosa ou profana.

Debido ás dimensión da capela a misa celebrouse ao ar libre, no antigo palco das orquestras. Gustoume a iniciativa que teñen ao final da procesión, onde antes de entrar cos santos na capela, póñenos en fila e interpretase o himno galego. Nunca antes en ningún sitio había presenciado este feito, para min, singular.

O Grupo de Gaitas Rumbía de Porto do Son encargouse dos pasarrúas polas aldeas que conforman as parroquias de San Sadurniño de Goiáns, entre elas podemos citar as de A Silva, Mantoño e Beneso, que antigamente, non sei hoxe, cada unha organizaba unha festa, dos tres días que se compoñen.

Xa no campo da festa botáronlle unhas pezas antes da misa e ao remate, dando paso a continuación a Orquestra Xacobeo de Pontevedra. Que pola noite ía estar acompañada pola orquestra Supremos.

Dende fai uns anos é unha festa eminente da xuventude, que coma noutras zonas, teñen unha característica forma de divertirse, aínda que aquí coido que rizan o rizo. Hoxe en día a parte da particular camiseta que cada grupo edita, moitas delas achéganse ao campo fa festa cargados con calquera elemento que poida conter litros e litros, sobre todo de calimocho (viño mesturado con bebidas de cola), dende garrafóns que estamos máis acostumados a ollalos cheos de combustibles, cargados con sulfatadoras ás costas, etc.

Antigamente, os mozos da zona achegábanse co carro das vacas cargados con un barril de viño ou facían unha paiola, como a andía na que van os santos, pero neste caso levaban un barril, no que ás veces ía sentado o amigo José de Oregha. Era, iso si, unha forma de diversión e porque non, espectáculo moi san. A todo isto contribuían moito as orquestras, que podían estar tocando ate abrilo día.

Con isto da normativa do galego, agora o nome oficial é San Caetano, aínda que antes, ao contrario do que se poida pensar de que se podía dicir San Cayetano, nin na Ditadura escoitei chamalo así, se non que diciamos San Quietán.

Xa saben: o que non liga en San Caetano, non liga en todo o ano!

San Caetano 2012

























Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.