venres, 17 de agosto de 2012

Día da Galiza Mártir

Izado da bandeira galega no día de hoxe
Hoxe é o día da Galiza Mártir e así como o Himno galego e a Bandeira galega foron creacións da emigración, concretamente na Habana, o día dos Mártires Galegos foi creado en Buenos Aires, polos galegos que nese entón estaban alí.

Xa ven, tres fitos históricos da Galiza tiveron que ser creados fora da Nosa Terra, porque aquí o que máis interesaba aos gobernos de quenda era ter súbditos analfabetos para que fosen moito máis maleables. Todo aquel que tiña un pensamento distinto, aínda que só o defendese con unha pluma era un mal exemplo para o resto do pobo e polo tanto, procedía desterralo ou eliminalo.

Prólogo dun amigo de Boveda, Xosé Sesto, no libro que escribiu Xerardo Álvarez Galego, irmán da dona de Bóveda

"Bóveda foi o principal ideólogo do Estatuto de Autonomía de Galicia", aclaro, Estatuto que case sen modificacións permitiu hoxe o notable desenvolvemento que ten Galicia, "Estatuto que acababa de aprobarse por unha maioría afirmativa como xamais se alcanzase nunha votación na Península, só faltaba a aprobación das Cortes. Era o nome de Bóveda o que mais andaba nos beizos de todos nós. El, era o home que axuntase xentes, traballos, esforzos, ideas en prol do sentimento das liberdades galegas.

Era o traballador de férreo tesón metódico, tranquilo, dunha fe inquebrantable nos destinos da Terra, co carisma especialisimo de poder transmitir aos demais a súa fe e as súas esperanzas.

Todos os partidos políticos que traballaban no labor común das xornadas plebiscitarias recoñecían a Bóveda o seu liderado indiscutible. E os inimigos de Galicia, os inimigos do Estatuto, afortunadamente ben poucos e mezquinos, vían en Alexandre a figura temible contra a que se estrelaban os sofismas dialécticos, as cambadelas de mala lei e as estúpidas defensas do centralismo.

Para uns e para outros Alexandre Bóveda estaba no cume da vida política activa e fecunda de Galicia. Isto precisamente levaríao ao sacrificio sanguento como a un cordeiro expiatorio.

Era para nós, o nome de Bóveda, a bandeira o contrasinal do esforzo de Galicia por levantarse. Se, simplificando, Castelao significaba o corazón emocionado, Bóveda era a mente organizadora e o brazo actuante. Por el puido escribir Castelao no seu álbum "Galicia mártir", "Non enterran cadáveres, enterran sementes".


Alexandre Bóveda Iglesias
A realidade é que este ourensán, o eterno descoñecido, loitou ata o derradeiro momento sen pausa, dicíndolle xa condenado ao seu cuñado Gerardo Álvarez Gallegos, que coa súa morte pretendía liberar a todos os seus colaboradores do Partido Galeguista. Minutos antes da súa execución sentenciaba: “a miña morte servirá para acadar adeptos á causa galega. Un ben que aínda despois de morto, farei á nosa terra”.

Alexandre Bóveda Iglesias, naceu o día 7 de xuño de 1903 en Ourense e foi fusilado no monte da Caeira (Pontevedra) o 17 de agosto de 1936 cando contaba con 33 anos. Foi un dos intelectuais máis relevantes de Galicia. Retratado en numerosas ocasións baixo a frase de Castelao de que “é o motor de explosión do Partido Galeguista”, era moito máis que esta sucesión de letras que soltas poden levar á confusión.

Alexandre nace lendo o Catecismo Galego do Tío Marcos da Portela de Lamas de Carvajal. Dende neno, decantouse polo estudio da lingua francesa e pola contabilidade. Estudou Peritaxe Mercantil na Coruña compaxinando os estudios coas clases que impartía no Colexio dos Villares en Ourense.

A súa grande escola foi a Revista Nós da que aseguraba que “alí estivo a miña fontela máis cabal” e na que comezou a achegarse aos problemas de Galicia. 'La Zarpa', xornal de Basilio Álvarez foi unha oportunidade de destaparse ante o mundo. Alí empezou a loitar limpamente co gran poder que outorga a palabra. Gran comunicador, figura dialogante, os que o coñeceron falaban de que fora o que abrira, xunto con Castelao, o Partido Galeguista a todos os estadios da sociedade galega.

Posteriormente, pero moi novo, sae da cidade das Burgas para opositar en Madrid a unha das dez prazas para xefes de contabilidade de Facenda do Estado. Despois de sacar o número un no concurso, Bóveda rexeita unha oferta de Calvo Sotelo para formar parte do seu Comité de Intervención de Cambios, que debería frear a caída da peseta. Esta decisión foi unha das que máis marcaron o seu camiño. Regresa a Galicia e traballa na delegación de facenda en Ourense catro anos. Despois marcha a Pontevedra aprobando outras oposicións de xefe de contabilidade. A tertulia que presiden Castelao e Losada Diéguez no Café Méndez Núñez, pasará a ser o porqué da súa loita peronal implicándose cada vez máis nas actividades dos dous galeguistas.

Castelao será un grande amigo de Bóveda que o introduce non só na política senón noutros campos como na Coral Polifónica e na que coñece a Amalia Álvarez Gallego, o seu gran amor. Casa con ela en outubro de 1930, e nese mesmo ano, recibe unha proposta do Seminario de Estudos Galegos para colaborar no proxecto de Estatuto de Autonomía.

Neste proxecto adicarase sobre todo ao aspecto económico do que foi un dos creadores do Partido Galeguista o 5 de Decembro de 1931 no que exercerá de secretario de Organización para ampliar a base do partido.

Como en todas as súas labores, a constancia de Bóveda deu o seus froitos. Na 2ª Asemblea do Partido Galeguista en 1932, pasaron de 15 grupos de 600 afiliados existentes en 1931 a 100 grupos de 300.000 compoñentes.

Bóveda triunfaba outra vez. Pero sempre dende á grada, atento e constante no seu quefacer. Toda a súa vida foi discreta pero intensa e implicada cunha causa que elixiu dende o principio: a defensa da identidade e liberdade galegas.

Dos anos seguintes antes da súa morte, dicir que Bóveda, nun discurso en 1932 conmocionará a sociedade da época. “O problema da autonomía de Galicia non é somentes un problema de dignidade colectiva, de dereito natural, de reivindicación histórica. Non. É fundamentalmente un problema de causa económica”.

Despois de numerosas intervencións, mitins e artigos en A Nosa Terra e en El Pueblo Gallego, este ourensán foi condenado nun consello de guerra.

Fonte orixinal: Vieiros
Hoxe e mañá celebraranse actos por toda xente represaliada e asasinada, só, porque como dixen ao principio, crían noutro modelo de sociedade e forma de gobernar a Nosa Terra. Por centrarme na bisbarra, estes celebraranse mañá.

O boirense Agustín Horta Resúa será homenaxeado no Día da Galiza Mártir:
O acto terá lugar na rotonda de Cimadevila mañá pola tarde.

Día da Galiza Mártir:
O sábado 18 de agosto, con motivo do día da Galiza Mártir o BNG de Ribeira queremos render homenaxe a todas aquelas persoas que perderon a vida por tentar defender o noso País e que ten como figura máis coñecida a Alexandre Bóveda, asasinado en 1936 polas forzas franquistas.
Con este motivo o BNG quere reivindicar este día como unha lembranza e homenaxe a tod@ es@s mártires que loitaron pola liberdade, por Galiza e pol@s galeg@s.

No Son o sindicalista David Mariño Ramos, tamén foi fusilado en 1937, pero a parte de que no 2007 se lle adicou unha rúa en Portosín, de novo pasou case a clandestinidade e non ten unha voz que o defenda.

Aínda que neste caso, por sorte, non foron asasinados, moitos mestres e mestras do concello foron represaliados, encarcerados e mesmo se lles prohibiu exercer. Neste anuario de Barbantia nas páxinas 84 e 85, teñen a lista. Ó único que cheguei a coñecer foi a Don Ignacio Martínez de Lanza, en teoría o meu mestre, porque foi o que me asinou a documentación da miña etapa escolar en primaria.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.