venres, 24 de agosto de 2012

Carme de Portosín 2012


Antes de debullala reportaxe, quero dedicarlla xunto coas fotos e vídeos ao Sr. Mario Carreño, o armador máis lonxevo de España que sigue en activo e que en xaneiro tamén recibiu un tributo por unha vida dedicada ao mar. De aí que a súa foto non fose improvisada, se non buscada, así como o comezo dun vídeo.

Xa de cheo na entrada, a pasada fin de semana Portosín volveu a volcarse para honrar á súa Virxe máis mariñeira, a do Carme. Os actos lúdicos comezaron con unha verbena o venres, sufragada segundo me informaron por algúns barcos, de feito no "programa oficial" das festas non estaba programada.

O sábado ás 12 da maña, tivo lugar o pregón a cargo dos regueifeiros Os Gordechos. Para logo continuar coa tradicional sardiñada, onde se repartiron máis de 400 quilos deste apreciado peixe, que non se foron capaces de consumir, como testemuñaba a zona de asado o domingo. Como novidade tamén se repartiron uns cen quilos de xurelos, xunto con empanadas feitas con varios ingredientes. No prezo de todo, ía incluída a xerra de barro, e todo o viño que se puidese beber.

O reparto comezou á unha do mediodía, pero antes, pola mañá, os que fixeron posible que todo iso, comisión é persoal voluntario, tivéronse que aplicar a fondo.

Onde hai unha boa comida non pode faltar a música para axudar a dirixila, e diso encargouse a Charanga TNT, que fixo movelo esqueleto a máis dunha parella.

Pola noite a Orquestra Compostela, xunto coa sorpresa, que foi a presenza da orquestra asturiana, Elite, ante unha praza ateigada de xente, e as terrazas dos bares a rebentar, ofreceron o mellor do seu repertorio. Mágoa que o tempo, un ano máis non acompañase. Non obstante eran tantas as gañas de festa, que algúns aguantaron estoicamente. Logo dunha hora con unha choiva intermitente, cando parou, a maioría da xente, como por arte de maxia, volveu a facer acto de presenza, rematando a festa ao amencer.

O domingo tivo lugar a misa, nesta ocasión ao ar libre, pero de novo o tempo foi teimudo. Ás 12 do mediodía, acompañada pola banda de música de Boiro, saía do templo parroquial de San Sadurniño de Goiáns, a imaxe da Virxe até o peirao onde se celebrou. A pesares de que durante a súa celebración por instantes caia unha choiva miúda (orballo), esta non se detivo. Cando rematou, Don Ramón agasallou, primeiro aos mariñeiros e xubilados, e a todo o mundo relacionado co mundo do mar, un escapulario coa imaxe do Carme, e logo, a todo o que o desexase. Repartindo un total de 800 colgantes.

Carme de Portosín 2012 (misa)

Una vez rematada, a imaxe resgardouse na lonxa vella á espera da procesión marítima que tivo lugar polo serán, onde de novo, e sen que o tempo axudase de novo, ás seis foi embarcada no barco "Gaviota", de David do Patacán. Tal vez influenciada polo tempo, este ano non houbo as clásicas carreiras para subirse a un barco, e todo o que se quixo sumar a esta procesión puido facelo.

A pesares de todas esas adversidades, foi todo un éxito, e así o cualificou tamén Eduardo Carreño, o patrón maior de Portosín, que estivo arroupado polo alcalde do Concello e algúns edís da corporación. Participaron unha ducia de cerqueiros sumados ao Gaviota, que enfiaron as augas da ría até Monte Louro, acompañados por ducias de embarcacións, tanto de artes menores, como deportivas, máis unha lancha de Salvamento Marítimo e unha patrulleira da Garda Civil.

Xa de volta e na bocana do peirao, baixo o son das sirenas dos barcos e da lonxa, a banda, supoño que pola choiva, non embarcou, polo que non soou o himno galego, tirouse a auga unha coroa de flores en lembranza dos mariñeiros falecidos, e algúns familiares, fixeron a súa propia ofrenda.

Unha vez rematada a procesión trasladouse de novo a imaxe ao templo parroquial, onde ao final do acto, agora si, a banda interpretou o himno galego.

Carme de Portosín 2012 (procesión marítima)

O que se presaxiaba unha noite como a anterior, e algúns lembrando o que pasara o ano pasado no intre de tirarse os fotos artificiais, foi unha velada moi agradable, que contou coa presenza da Orquestra Los Satélites, que fixeron un alto ás doce para que se tirasen os fogos de artificio, que correron de novo a cargo da pirotecnia Ricardo Resúa de Cespón.

En definitiva, e para alguén alleo a esa parroquia, cualificaría as festas de rotundo éxito, como diría Castelao: Non lle poñades chatas á obra namentras no se remata. O que pense que vai mal que traballe n´ela; hay sitio para todos.

Carme de Portosín 2012



















Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.