luns, 30 de xullo de 2012

Réquiem por Rosalía

Cada 25 de xullo, Día da Patria Galega, celebrase unha misa en lembranza de Rosalía de Castro na igrexa de San Domingos de Bonaval, á que este ano acudiu tamén a Fundación Rosalía de Castro. Nese día cumpríanse 80 anos dende que se celebrou a primeira, que xurdiu no ano 1932 por iniciativa dun grupo de galeguistas entre os que estaban D. Xosé Mosquera e D. Manuel Beiras.

Unha das novidades foi a estrea dunha peza musical composta polo músico Baldomir con letra de Ramón Cabanillas, titulada Pregaria. Foi interpretada polo coro Vox Stellae, o mesmo que interpretou os cantos litúrxicos.

Contouse coa colaboración da Asociación do Traxe Galego para depositar diante do sartego de Rosalía as Ofrendas Florais que as principais institucións públicas, entidades galegas e da emigración ofreceron á nosa máis grande poetisa. Rematou a ofrenda no intre en que o presidente da Xunta de Galicia, o expresidente Fernández Albor, e o presidente do comité organizado do Foro Galicia Milenium, deixaron unha coroa de loureiros ante o de Castelao. Pola mañá o PSdeG-PSOE, Compromiso por Galicia e Galiza Nova, tamén fixeran as súas propias ofrendas.

Soou o inconfundible son dunha arpa tocada maxistralmente por Darío Duarte, fundador e membro do grupo Os Tres Soles, a guitarra de Tito Aboal e a voz de Paula Aboal, musicando letras da propia Rosalía e tamén de Castelao.

Pechouse o acto con unha foto institucional e familiar de tódolos participantes no adro da igrexa, e un baile folclórico a cargo do grupo Soalleira de Dorrón (Sanxenxo), acompañados polo grupo de gaitas Os de Algures de Pontevedra.

A pesares da Historia que conteñen esas catro paredes e que albergan os restos de tantos galeguistas, defensores acérrimos da Galiza e do noso idioma, foi a primeira vez que entrei neste edificio que se realizou no século XVIII para substituír á primeira edificación gótica. A igrexa, considerada obra de Juan de Orleáns, presenta planta basilical con tres naves e tres ábsidas, dun estilo de transición entre románico e gótico. O conxunto monacal foi moi reformado no século XVIII, sen perder a harmonía. Na actualidade a igrexa acolle o Panteón de Galegos Ilustres e nas dependencias monacais constituíuse o Museo do Pobo Galego.











Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.