domingo, 29 de xullo de 2012

Recunquei a Santiago o Día da Patria Galega


Como corre o tempo! Xa levaba cinco anos que non acudía Santiago a celebralo Día da Patria Galega, unha data tan NOSA e tan REIVINDICATIVA, aínda que no meu mastro XAMAIS deixou de ondear nesta efeméride e noutras propias da Nosa Terra, a bandeira azul e branca con escudo ou sen el, trocada dende aquela pola estrelada polos motivos que xa teño explicado en máis dunha ocasión.

Por coincidencia de horarios tiven que repartilas miñas preferencias, polo que optei por acudir ao acto de Anova-Irmandade Nacionalista, porque para min Beiras é o máximo referente nacionalista ou galeguista, en vida, que teño. Logo polo serán acudín á parte máis lúdica de Converxencia x Galicia, despois de acudir á misa que se celebrou por Rosalía de Castro na igrexa de Santo Domingo de Bonaval.

Amigas e amigos; compañeiras e compañeiros; irmás e irmaos, velaquí ANOVA. Con este agarimoso saúdo encomezou Xosé Manuel Beiras a súa intervención na emblemática praza de Mazarelos, ante un nutrido grupo de militantes e simpatizantes, achegados de tódolos recunchos de Galiza e de fora.

Poden escoitalo discurso integro e do resto de intervintes nos vídeos que partillo, mais de entre as moitas citas que alí dixo, róubolla esta porque foi como se me lese o pensamento: "Eu sempre tentei e case que sempre o conseguín, ser absolutamente cinseiro, sempre quixen dicilo que pensaba e logo sempre procurei facer o que dicía".

Coma comuneiro e noutros eidos, este foi, é, e será sempre o meu ideario. Por iso no seu día en relación coa comunidade de montes díxenlles a uns directivos como tiñan que respectar tanto aos comuneiros como o sistema asembleario. Logo coma directivo tentei aplicar estes dogmas, mais aínda que o conseguín en parte, foime totalmente imposible cumprilo na súa totalidade. Por iso durei o que durei.

E non me foi posible porque quen tiña o mando non quixo e porque outros dende a sombra gustaron máis dese tipo de trapalladas que da legalidade. Xente coa que me criei politicamente e na que nos rexiamos igual que na comunidade polo asemblearismo. Sistema moito máis democrático, se de verdade se respectan as regras do xogo, que non sempre é así, porque tamén o vivín.

Día da Patria Galega con Anova

Ramón Cabanillas
"Da terra asoballada"
¡En pé!


¡Irmáns! En pé, sereos,
a limpa frente erguida,
envoltos na brancura
da luz que cai de riba,
o corazón aberto
a toda verba amiga,
e nunha man a fouce
e noutra man a oliva,
arredor da bandeira azul e branca,
arredor da bandeira de Galicia,
cantémo-lo dereito
a libre nova vida!

Validos de treidores
a noite da Frouseira
á patria escravizaron
uns reises de Castela.
Comestas polo tempo,
xa afloxan as cadeas…
¡irmáns asoballados
de xentes extranxeiras,
ergámo-la bandeira azul e branca!
¡E ó pé da enseña da nazón galega
cantémo-lo dereito
a libertar a Terra!

Irmáns no amor á Suevia
de lexendaria historia,
¡en pé! ¡en pé dispostos
a non morrer sin loita!
¡O día do Medudio
con sangre quente e roxa
mercámo-lo dereito
a libre honrada chouza!

¡Xa está ó vento a bandeira azul e branca!
¡A oliva nunha man, a fouce noutra,
berremos alto e forte:
“A nosa terra é nosa!”

Alfonso R. Castelao: Alba de Groria

















Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.