venres, 6 de xullo de 2012

Pía de picar toxos


Mentres o castro de Taramancos vai quedar soterrado, se non o está xa pola variante, en Nebra, segundo o PXOM aprobado recentemente pola corporación municipal, teríamos unha necrópole medieval no Eiteiro de Quins. Vexase Tomo IV.- Catalogo de Patrimonio cultural: Páxina 7.

Resulta cando menos curioso que persoas autorizadas non alberguen ningunha dúbida sobre a súa antigüidade, cando por exemplo no caso da ponte Vella de Xuño teñen tantas, xa que uns dátana coma romana, e outros coma medieval. Total mil anos arriba ou abaixo non se notan.

A opinión de moitos veciños e veciñas de Nebra, nada expertos na materia, difire da deses técnicos por unha simple razón, os que coñecemos a súa "historia" e xa temos uns anos,sempre escoitamos que iso foi un traballo inacabado dun canteiro da parroquia.

Ese mestre chamábase Ramón do Canteiro, que foi veciño de Xosín, e o encargo fixérallo Agustín de Ieste.

Segundo esa tradición oral, isto ía ser unha pía para picar toxos, e ao igual que acontece con outros traballos a medio facer que aínda hoxe podemos ollar espallados polos nosos montes, postes de viñas, pezas de fornos, de hórreos, etc., quedou aí abandonada. Lamentablemente os protagonistas implicados xa non están entre nós para explicarnos porque non se rematou a obra.

O que si esta claro como se pode comprobar in situ e nas fotos, é que non ten a profundidade suficiente para albergar un corpo no seu interior, fin para o que estaban deseñados os sartegos. Aínda se ollan perfectamente os riscos que deixaron os picos e ciceles na pedra, e por lóxica, se a data de construción fose medieval, debido a erosión, as marcas terían que estar moito máis suavizadas.

Non fai moito comentabamos preto del, que pola súa culpa Patrimonio obrigou a cortalo trazado dunha pista secundaria da parcelaria e por ilo, como por outras cousas agora quedamos mal servidos. Obsérvese as diferentes varas de medir de Patrimonio ou en realidade dos políticos, ese mesmo celo no tiveron co castro de Taramancos ou co de Punta de Muros perfectamente datados.

A esa charla engadíasenos unha veciña de Resúa, que tamén incidiu en que de antigo non tiña nada e que fora obra do citado canteiro. Outra persoa que coñece de primeira man isto é meu pai que traballou varios anos con Ramón, aínda que non coincidiran nese traballo, pero si o visitou varias veces cando estaba coa faena xa que vivía en Resúa, a escasos 100m., de onde está.

En Nebra o de Patrimonio e Tragsa foi de escándalo, noutra zona non tiveron a mesma sensibilidade e as pas levaron por diante unha pedra que tiña gravada unha cruz. Sen poder catalogar xa a antigüidade dese petróglifo, algunhas outras inscricións son bastante máis recentes, con todo iso poden ter máis dun século. Así é como foi catalogaron outro? con varias cruces, en Caxade, preto de Resúa, do que moitos veciños tamén dubidan da súa antigüidade.

Segundo meu pai, os canteiros adoitaban facelas logo de picalos muíños, na zona concentrasen máis de 20, coma entretemento mentres agardaban a chegada dos compañeiros para subir ao monte na procura dos traballos encomendados, coma sinal de que xa pasaran ou que a pedra da zona era de excelente calidade.

El tamén adoitaba facer algunhas, a última que lembra fíxoa fai máis de sesenta anos nunha rocha que hai a carón da Corredoira das Eguas, un camiño que vai de Nebra á Graña. O que dea con ela non terá dúbida da súa antigüidade, porque neste caso limitouse a gravalo día, mes e ano.

Dende a privilexiada posición do eiteiro albiscase o val de Nebra, nas fotos a aldea de Puílla e a "obra da discordia".


Os sartegos na antigüidade eran empregados polos nobres para ser soterrados. Na igrexa de Santa María a Nova hai unha gran colección deles, e no Centro de Interpretación do Castro de Baroña, de O Son, hai dous.


Este atopase en Buxantes

Para que se picaban os toxos? Coa axuda dun mazo de madeira golpeábase, neste caso que nos ocupa nunha pía de pedra, até deixalo abrandado e feito unha especie de penso. Nos meu viaxes etnográficos e culturais, neste caso a presenciar unha malla, atopei esta exposición na que tiñan outras variantes, máis modernas, pero tamén moi antigas, para acadalo mesmo fin.


Macico
Utensilio en forma de T que ten unha pequena e forte coitela no extremo dun dos brazos, e usase para picalas ramas tenras do toxo destinado a penso.

Trilla
Aparello formado por un mango longo e cilíndrico de madeira ao que se lle axusta unha peza de madeira moito máis ancha e pesada (mazo) que leva incrustada no extremo unha peza de ferro en forma de machado, afiado polo extremo saínte e axustado á peza de madeira por un arame que actúa de mordaza.
Utilización: Emprégase para picar o toxo en pías especiais de madeira para convertelo en penso e alimento para o gando polo seu gran valor nutritivo.

1 comentario:

Os comentarios son libres, só pido sentido.