martes, 10 de xullo de 2012

Pasoume só a min?

O xoves día 5, a Consellería de Cultura do Concello tiña a ben publicar no seu facebook a información de arriba. Por gustar da nosa cultura e destas cousas, decidín inscribirme vía correo electrónico. Vexase na captura de imaxe a súa solicitude de máis información, e a miña contestación.


Nin por teléfono «digo eu para que mo pediron», nin por correo electrónico, se me informou de máis nada, até que vexo publicado de que: un curso para formar guías do vestixio foi un éxito inesperado de convocatoria. Descoñezo como se puxeron en contacto co resto, se é que o fixeron, para confirmarlles a presentación ao curso, ou se unha vez inscritos, xa era cousa nosa presentarnos.

Igual neste caso o único trabucado fun eu, pero por exemplo, agora que tamén teñen aberto outro curso, neste caso para manipulador de alimentos, para poder levalo a cabo facíalle falta un mínimo de inscritos «15», pero se hai máis, no canto de pagar 25€, serian só 20.

O mesmo que pasou para o curso do Celga 4, que tamén era preciso un mínimo. Neste caso si houbo información adicional logo da inscrición, primeiro para avisar de que o comezo das clases demorábase uns días, e logo, para concretarnos a data e a hora. A información que tiven neste, faltoume tamén fai dous anos, cando me inscribira para o Celga 3. Todo este tempo pensando que non se celebrara por falta de xente, até que me informaron neste curso, por coincidir con xente que estivera aquel ano, que si houbera.

Cultura Porto Do Son
Como aula, o claustro de Baroña. Como alumnos, máis de cincuenta veciños interesados en coñecer os segredos que esconden as pedras e o chan sobre o que se levanta a maior icona da súa terra natal: Porto do Son. Así foi o curso que onte tivo lugar no asentamento castrexo sonense, que buscaba crear novos guías turísticos especializados nesta icona arqueolóxica. A actividade forma parte do plan de dinamización do castro posto en marcha polo Concello sonense. Unha actividade coa que se pretende crear novos expertos que o día de mañá, e cando a demanda o requira, poidan exercer este labor con algúns dos 100.000 visitantes que cada ano percorren esta pequena pero concorrida península con vivendas castrexas.

A xornada comezou pola mañá coa parte teórica do curso. Durante dúas horas, os veciños inscritos tomaron nota das indicacións que un dos arqueólogos encargados da rehabilitación do asentamento, Ángel Concheiro, foilles dando. «Comezamos cunha introdución da arqueoloxía en Galicia, para logo abordar a importancia da Idade de Hierro e a cultura castrexa na comunidade pondo varios exemplos», sinalou o mesmo Concheiro. Esta clase teórica realizouse co apoio de material gráfico, debuxos, planos e fotos tanto recentes como pretéritas.

Xa pola tarde, alumnos e profesor trasladáronse ao afamado espazo. Sobre o terreo, o encargado de dirixir este curso encabezou unha comitiva na que el levaba a voz cantante: «Visitamos os puntos máis importantes e analizamos como era o castro na súa orixe. Ademais, tratamos a súa forma actual».

Itinerarios variados

Os máis de cincuenta aprendices do castro tamén tiveron a oportunidade de deseñar un itinerario razoado de visitas que logo foi estudado en común para sacar conclusións. Ademais, analizaron o equipamento que fai falta tanto no poboado como na contorna. Aquí, case todos coincidiron na necesidade de crear unha área de recepción e un centro de interpretación especializado no castro sonense. «A dotación de equipamento que máis fai falta, ou simplemente se fai falta, xa que moitos pensan que este lugar está ben tal e como está agora, tamén foi abordado», explicaba o mestre de cerimonias onte.

No apartado de suxestións, os devotos desta icona non deixaron de realizar propostas que axudarían a mellorar este castro: «A xente que veu, e que tiña unha idade moi variada, xa que incluso había unha persoa de 12 anos, propuxo que se dotase dun acceso ata o asentamento para as persoas con discapacidade física, algo que hai que ter en conta polo menos para chegar ás primeiras vivendas», razoou Ángel Concheiro.

O que parece claro con este tipo de actos é que o castro de Baroña empeza a traballar finalmente como un equipamento cultural local onde se aprende historia, arqueoloxía, natureza e ademais un divírtese. Algo que onte, os máis de cincuenta curiosos, entre os que estaba o propio alcalde, Luis Oujo, e un predecesor do seu mesmo partido, gozaron coñecendo un pouco máis sobre o seu pasado, o mesmo que está chamado a contribuír como motor económico deste municipio no futuro.

Fonte orixinal: La Voz de Galicia
Déixolles algunhas imaxes tomadas o 16 de xuño, a raíz da recente rehabilitación acometida neste impoñente castro, que visitei por primeira vez, cando se acometera a última fai máis de trinta anos.


A pesar das prohibicións, algúns campistas parece que non están pola labor de deixar de acampar nas propiedades privadas que hai no seu entorno.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.