domingo, 29 de abril de 2012

Mosteiro de San Xusto de Toxosoutos

Tan preto e tan descoñecido. Teño pasado mil e unha veces por San Xusto, e mesmo comecei a traballar moi preto, concretamente na Albariza, pero nunca me decidira parar a visitalo que foi o seu mosteiro, ou o que queda del, e a contemplala beleza que agocha o río que leva o nome da parroquia.

Hoxe tocoulle esa visita prometida, valeu a pena, xulguen vostedes mesmo polas fotos e polo vídeo, e iso que non saín do seu entorno. Tamén aproveitei para mergullarme en Internet é coñecer as causas da súa decadencia.
O 11 de novembro de 1129, dous cabaleiros da corte de Afonso VII chamados Pedro Muñiz Carnota e Froila Alonso asinaron unha carta de irmandade pola que se comprometían a vivir baixo a regra de San Bieito. O 16 de outubro de 1132, Pedro Cresconiz, o Infanzón, trocou ó mosteiro compostelán de San Paio de Antealtares a capela de San Xusto e Pastor por outra situada en San Pedro do Castro . Así naceu o mosteiro de San Xusto de Tojis Altis ou Tribulis Altis.

Toxosoutos queda nun solitario e agreste lugar, pertencente á medieval Terra da Luaña, situado nun estreito val do río chamado de San Xusto. A capela axiña se transformou en igrexa a carón da que se ergueu a primeira casa conventual. Este templo, do que actualmente non quedan restos, foi consagrado polo arcebispo Diego Xelmírez, e o 5 de decembro de 1135 o rei Afonso VII outorgoulle o privilexio de estar exento de toda xurisdicción, civil e eclesiástica, agás os actos episcopais das ordes sacras, a consagración do óleo e a beizón do abade.

Unhas veces por doazóns e outras por adquisicións ou trocos, o mosteiro de Toxosoutos chegou a ser un dous máis ricos da Galiza en canto a posesión de bens. Moitos foron os monarcas que o favoreceron, concedéndolle privilexios ou confirmando os que xa gozaba: Afonso VII, Fernando II, Afonso IX, Fernando III, Afonso X ou Sabio, Sancho IV, Fernando IV, Afonso XI, Pedro I, Enrique II, Xoán I, Enrique III e Xoán II. Así como tamén varios portugueses: o infante Afonso Enríquez, Sancho I e Sancho II.

No ano 1611 escribía o P. Yepes, historiador da orde de San Bieito: Con la fama de la santidad de los primeros fundadores no se puede dezir lo que en poco tiempo se acrecentó el Monasterio de San Justo y Pastor; solo digo, que ningún Monasterio ay en Galicia, por grande, y gruesso que sea, cuya hazienda sea mayor, o mas calificada, que la de San Justo.

Chegou a contar con propiedades en máis de 19 concellos galegos, en particular da provincia da Coruña, pero tamén as tiña nas de Ourense e Pontevedra, e nos reinos de León e de Portugal.

FIN DO PODER DE TOXOSOUTOS

O 27 de xuño de 1475, o papa Sixto IV, pola bula Pastoralis officii debitum, anexionou Toxosoutos ao mosteiro de Sobrado dos Monxes. O seu derradeiro abade foi Xoán Pardo, quedando dende entón non máis que como priorado da orde do Cister.

Así continuou ata a exclaustración e desamortización relixiosas do ministro Mendizábal, en 1835, en que o tiveron que abandonar os monxes e as súas propiedades foron vendidas polo goberno.

Dende entón a igrexa converteuse en parroquial, arruinándose o edificio monástico do que actualmente non queda máis que unha mínima parte que se acondicionou para casa reitoral (agora tamén abandonada).

O interesante claustro románico foi trasladado para o pazo da Pena de Ouro, en Noia, onde pódese admirar formando parte do patio central. A mesma sorte correu o seu importante arquivo: moitos documentos perdéronse e outros foron roubados. De entre todos sobresae polo seu gran valor o denominado Tombo de Toxosoutos, que actualmente se acha no Arquivo Histórico Nacional de Madrid. A documentación relativa ós foros e ás propiedades pasou á Administración de Bens Nacionais do partido de Santiago de Compostela, podéndose consultar dende 1946 non arquivo histórico da Universidade de Compostela.

Se queren continuar coñecendo a impresionante Historia deste mosteiro fagan clic aquí.
Toxosoutos

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.