xoves, 12 de abril de 2012

Concerto de Rock


A Semana Santa foi longa pero en Porto do Son houbo un pouco de todo para tódolos públicos: relax, recollemento, deporte, música, festas e como non, para outros algo de traballo, neste tempo que tanto escasea.

No apartado musical comezamos co Festival de Primavera ofrecido polos alumnos e alumnas da escola de música moderna do Concello, dirixida por Ramón Leis e un elenco de profesores. Celebrouse o primeiro de abril na Casa de Cultura da Vila -na canle de youtube teñen tódalas actuacións, nalgúns casos individuais e noutras nun remix- e o fin de semana seguinte, repetiron na de Portosín.

Nesta mesma localidade tamén houbo outro concerto, un pouco máis duro, o venres Santo, a cargo de varios grupos locais e foráneos. Nun principio era para celebrase ao ar libre, pero ante as inclemencias meteorolóxicas celebrouse na Casa de Cultura. Como non contaba con iso, pasoume o que a moitos, non me acheguei a pesar de que tocaban algúns grupos amigos. Outra vez será.


Sen saír de alí e organizado polo Club Náutico, celebrouse o campionato de España absoluto 420, Memorial Alejandra Fenández. Con tal motivo, actuaron os grupos de baile Anduriña e de gaitas Suevia do Concello.


E xa o domingo 8, tamén na Casa de Cultura da Vila, o grupo local Curva á Eskerda presentaba a súa maqueta gravada pola Radio Galega despois de gañar un concurso.


O grupo esta composto por:
Sergio Sieira: Voz, coros e batería.
Yago Sánles: Baixo e coros.
Diego Fernández: Guitarra, coros e voz.
Juan Olveira: Guitarra, coros e voz.

Actuaron de teloneiros un grupo moi xove, en tódolos sentidos, que se fan chamar: A Fume de Caroso, tamén de Porto do Son.


Ah, e en Pedrafurada, Caamaño, tiveron tres días de festa... e iso que aínda non chegou o verán. Non me digan que non foi unha semana completa?











Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.