mércores, 14 de marzo de 2012

Moita presa se deron


Aínda non pasou unha semana dende que visitei o castro de Taramancos e hoxe sae a mala nova de que nuns días vai quedar sepultado baixo o temible chapapote. Moita presa se deron nesta ocasión na Xunta, porque o sábado non se intuía nada do que hoxe publica La Voz de Galicia: A variante fai desaparecer os restos Castrexos de Taramancos.

Seguramente non será o último que se sume a unha larga lista negra de castros destruídos co visto e prace das nosas? administracións e a inoperancia dos políticos.

Noia nisto xa ten algo de experiencia. Vai facer trinta anos, naquela ocasión coa desculpa de poder verse o Mundial de España, levaron por diante o Castro de San Lois.

En Porto do Son tamén tivemos a nosa vítima, o Castro da Enxa, defendido con uñas e dentes por uns aguerridos xoves da parroquia de Baroña. Nestes intres, por falta de vontade política, no castro de Baroña hai xente que mesmo se dedica a despegalas pedras dos asentamentos.

Algo máis recente foi a desaparición do castro de Punta de Muros: O drama (histórico) do Porto Exterior da Coruña.

Non é un castro, pero a Arca do Barbanza, considerada polo seu tamaño como a catedral das mansións megalíticas do Barbanza, tamén estivo seriamente ameazada por uns tractores orugas e a desidia política.

Isto é só un pequeno exemplo do valor que ten para os nosos políticos, independentemente da súa cor, do valor que lles dan á Nosa Historia e Patrimonio.

Din que o cabalo de Atila chamábase Othar. Othar cabalga de novo sobre a terra. Terra na que os nosos antepasados celtas naceron, amaron e sobreviviron illados do inimigo que viña de Roma. Levantaron os seus castros cerca do mar e fundiron os metais, aleándoos para fabricar as súas armas. Co ouro labraron torques e adornos preciosos para premiar aos seus amores. Elas coidaban do futuro mentres eles partían á descuberta de novos horizontes baixo os que defender as súas vidas. Legáronnos a súa historia, a súa luz e a súa paisaxe, do mesmo xeito que a nós nos gusta legalos para que os fillos dos nosos fillos conserven os muros tras os que habitamos e os cemiterios nos que xaceremos. Pero o novo Atila non entende de historia nin de amores. Non coñece a cor da lenda nin o respecto pola orixe do noso sangue. O moderno Atila atende á cor do diñeiro e respecta o poder dos especuladores sen pensar en sentimentos. Espólea o seu cabalo e obrígalle a pasar unha e outra vez sobre a terra que un día foi santa para os nosos. En ningún outro país da nosa contorna, e tamén me refiro aos países españois, permitirían que os vestixios celtas de Taramancos desaparecesen da noite para a mañá esmagados pola forza e a potencia da maquinaria moderna, cabalos mecánicos sen conciencia guiados á destrución por estes Atila de gravata e traxe Armani que, desde asépticos despachos, liberan como eructos ordes de destrución masiva. Atila defendía a fame do seu pobo. Estes defenden os seus percebes, os seus luxos e as súas vaidades. ¡Que desastre!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.