domingo, 19 de febreiro de 2012

Lembrando a Rosalía de Castro (175 aniversario)

Rosalía de Castro

María Rosalía Rita de Castro naceu o 24 de febreiro nunha casa do Camiño Novo, nun arrabalde de Santiago de Compostela. Filla de María Teresa de la Cruz de Castro y Abadía (1804-1862) fidalga vida a menos, e do cura José Martínez Viojo (1798-1871).

Casa natal de Rosalía

Bautizada o mesmo día na capela do Grande Hospital Real (hoxe Hostal dos Reis Católicos). Actúa de madriña María Francisca Martínez, criada da nai.

O presbítero consigna na partida:
En veinte y cuatro de febrero de mil ochocientos treinta y siete, María Francisca Martínez, vecina de San Juan del Campo, fue madrina de una niña que bauticé solemnemente y puse los santos óleos, llamándole MARÍA ROSALÍA RITA, hija de padres incógnitos, cuya niña llevó la madrina, y va sin número por no haber pasado a la Inclusa; y para que así conste, lo firmo.

José Vicente Varela y Montero
Ao nacer, é a familia do pai a que se fai cargo dela. Estivo coidada por dúas tías. A pesar da súa condición de cura, o pai non a abandona e encárgase da súa educación. Trasládase logo a Padrón coa súa tía Teresa onde a súa nai, Teresa de Castro, asume o seu papel de nai e ocúpase de Rosalía. Viviron en Padrón e posteriormente trasladáronse a Santiago. Alí frecuentaba as aulas da Sociedade Económica de Amigos do País e participaba asiduamente nas festas do Liceo da Mocidade, que estaba no antigo convento de San Agustín.

Ao Liceo acudían figuras da mocidade intelectual santiaguesa daquel momento, entre os que se atopaban Murguía, Aurelio Aguirre e Pondal. Fíxose amiga dunha irmá de Pondal, Eduarda, coa que foi á romaría da Virxe da Barca, pois ambas estaban enfermas de tifus. Rosalía curou pero Eduarda morreu a consecuencia desa enfermidade. En 1856 Rosalía trasládase a Madrid, onde vive na casa dunha curmá da súa nai.

En 1857 coñece a Manuel Murguía despois de que este fixese unha crítica do seu primeiro libro de poemas A Flor. casan no ano 1858 e trasladan o seu domicilio a Santiago de Compostela.

Ao ano seguinte teñen á súa primeira filla, Alejandra. Logo viviron en distintos lugares segundo as actividades de Murguía: A Coruña, Madrid, Simancas, onde parece ser que Rosalía escribiu a maior parte dos poemas de Follas Novas.

Viaxaron por Estremadura, Alacante e estiveron tamén algún tempo en Lugo. Pero os lugares onde habitaron preferentemente foron A Coruña, Santiago e Padrón, onde morreu na súa casa da Matanza o 15 de xullo de 1885.

Foi enterrada no cemiterio de Adina, ao que ela cantara en versos de Follas Novas. En 1891 os seus restos foron trasladados á Igrexa de Santo Domingo de Bonaval en Santiago de Compostela.

Recordamos os seus últimos momentos a través do relato de González Besada:

«...recibiu con fervor os Santos Sacramentos, recitando en voz baixa as súas oracións predilectas. Encargou aos seus fillos que queimasen os traballos literarios que, reunidos e ordenados por ela mesma, deixaba sen publicar, dispuxo que a soterrasen no cemiterio de Adina, e pediu un ramo de pensamentos, a flor da súa predilección, non ben achegouno aos beizos sufriu un afogo que foi o comezo da súa agonía. Delirante, e nubrada a vista, dixo á súa filla Alexandra: -Abre esa xanela, que quero ver o mar-, e pechando os ollos para sempre, expirou...».

Desde Padrón, non pode verse o mar. Impresionan esas últimas verbas dunha persoa para quen o mar foi una perenne tentación de suicidio. Recordemos un dos seus versos:
Co seu xordo e costante mormorio
atráime o oleaxen dese mar bravío,
cal atrái das serenas o cantar.
«Neste meu leito misterioso e frio
-dime-, ven brandamente a descansar».
El namorado está de min... ¡o deño!
i eu namorada del.
Pois saldremos co empeño,
que si el me chama sin parar, eu teño
unhas ansias mortáis de apousar nel.
Rosalía é unha das meirandes escritoras en lingua galega. A súa obra cambiou o panorama das nosas letras tras un paréntese escrito de varios centos de anos, conseguindo unha recuperación do idioma galego e sentalas bases para o posterior resurximento dun nacionalismo romántico.

As súas obras máis importantes son Cantares Gallegos (1863), obra que narra a historia do pobo galego, e Follas Novas (1880), o seu último poemario cheo de filosofía persoal. En castelán habería que destacar En las orillas del Sar (1884). A súa última publicación foi Un Conto Galego, que se editou de maneira póstuma no ano 1923.

A súa influencia é considerada de gran calado e a data de publicación de Cantares Gallegos foi elixida para converter o 17 de maio, como o Día das Letras Galegas.

Para rematar esta pequena lembranza e homenaxe á Nosa Poetisa, a escolla destes vídeos coa voz maxistral Luz Casal, acompañada por Carlos Nuñez, non é nada casual, porque Negra Sombra é o que se aveciña sobre o idioma galego. Cento setenta e cinco anos despois, xurde un novo paréntese...?

Negra Sombra converteuse nunha das máis emblemáticas cancións da música galega, porque o músico, Xoán Montés Capón (Lugo 1840-1899) uniu estas letras cun alalá recollido na Cruz do Incio. Foi presentado por primeira vez no Gran Teatro da Habana no ano 1892.

Considérase un dos cantos máis fermosos e elementais de Galicia, e as súas letras fúndense co trazo melódico de modo que xa non se conciben separadamente.

Máis información
Rosalía de Castro
Wikipedia en galego
Wikipedia en castelán
Wikipedia en inglés
Rosalía de Castro

2 comentarios:

  1. Gustoume moito o teu artigo, o que máis me impresiona é a foto da casa onde naceu. Moitas grazas, Merche

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Merche, moitas grazas pola súa visita, mais sobre todo polo comentario

      Eliminar

Os comentarios son libres, só pido sentido.