venres, 8 de abril de 2011

Moi boa nova

Tal é como poden ollar en Certo, o Diario Oficial de Galicia recolle hoxe no rexistro de Bens de Interese Cultural varias antas e pedras fitas de Boiro, Noia e Ribeira.

Na provincia da Coruña enuméranse as cámaras megalíticas da Arca do Barbanza e da Casota do Páramo en Boiro. Unha moi boa nova sen lugar a dúbidas para os veciños do Concello de Boiro, pero sobre todo para a xente das aldeas do monte.


Aínda que non son natural de alí, polos vínculos familiares que teño nesas aldeas, a estes bens téñolles unha estima especial, sobre todo á Casota do Páramo, porque indo de Nebra e antes de entrar na Graña era o primeiro que ollaba. Teño pasado tantas veces ao seu carón, que é totalmente imposible de contabilizalas. Parte desa estima amoseina nestas entradas: casota do páramo e outra de lobos.

A Arca do Barbanza coñézoa menos pola súa situación, pero tennos servido moitas veces de acubillo contra choiva e o frío cando xunto con meus primos levabamos os animais a comer aos chans. Un bo susto leveino cando nunha visita rutineira, o 6 de abril de 2008 atopeime o seu entorno todo labrado e con pedras esnaquizadas polas cadeas das eirugas e os ganchos de arar, polo que decidín mandarlles estas fotos aos amigos de Certo.

Ao ano seguinte e por culpa doutras desfeitas, publiquei esta outra entrada: agresións contra o noso patrimonio.

Outras no resto na provincia son: Anta da Mina de Parxubeira en Mazaricos; a Cova da Moura ou Dolmen de Argalo en Noia; o Forno dos Mouros en Toques; a Casa dos Mouros ou Pedra da Arca na zona entre Vimianzo e Dumbría; a Arca da Piosa ou Pedra da Arca entre Vimianzo e Zas; e a Anta de Serramo ou Pedra da Lebre, a Casota de Berdoias, a Pedra Cuberta e a Pedra da Moura integramente no Concello de Vimianzo. Asemade inclúese o Menhir de Cristal ou Bretal en Ribeira. Algunhas téñoas visitado, pero as demais é cousa de marcalas nunha axenda.

Agora falta que aos veciños e veciñas de O Son, a Xunta tamén nos dea un día de estes unha alegría co Castro de Baroña, aínda que eu xa fai tempo que tirei foguetes sen pólvora: agora si, castro bic.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.