luns, 28 de febreiro de 2011

É isto o que queremos?

Aproveitando o tempo primaveral que tivemos onte decidín dar un paseo polo monte e así, pasiño a pasiño como quen non quere a cousa, fun dar a Sendia, pero o meu gozo quedou nun pozo ao atoparme con estas imaxes. No meu subconsciente supoño que os veciños desta aldea de Nebra, aínda que vivan no monte como se di, pagan relixiosamente o imposto da vasoira, pero parece que o cobrarllo non vai aparellado co servizo que deben recibir.
Se non estou trabucado, entre os días 15 e 16 tivo que pasalo camión que recolle todo este tipo de refugallos, pero ollase claramente que non o fixo e ademais que todo isto leva aí moito máis tempo. Non digo que cada 15 días teñan que pasar por estas aldeas para evitar facer viaxes de balde, pero si que chegaría con que os compañeiros que acoden a baleiralos contedores puntualmente lles pasasen aviso e así evitar este lamentables espectáculos en plena natureza.
Con estas outras fotos tamén trato de amosala pouca conciencia medioambiental que existe ultimamente en moita máis xente do que pensamos e que presume de ir pasar un día ao ar libre e despois deixa espallada polo monte a súa merda. Neste caso con moito máis delito, xa que como poden comprobala distancia onde tiñan o contedor e onde tiraron esta bolsa que contiña unha caixa de pizzas, varias de plástico para frituras e botes de refresco, era mínima.
No circulo vermello atopábase esta caixa de pílulas aínda sen abrir e como sabemos, altamente contaminantes se se tiran en plena natureza. Non debía levar moitas horas no sitio porque o sábado estivo a chover e aínda estaba relucente.
Nestes casos non me parou o xenio no corpo e decidín retornalos meus pasos para tirar dentro do contedor a bolsa e recollelas pílulas para entregalas nunha farmacia para o seu reciclaxe. Lamentablemente ao longo desta pista que nos leva cara a Montemuiño e a Laranga, as beirarrúas están estradas de botes e botellas de plástico, e carón desta aldea, preto do cruceiro de Ramona, atopeime estas rodas de tractor e varias caixas de ferro.
Esqueceume engadir esta foto, tal vez xa bastante fastidiado polas demais. Isto tamén esta preto dese cruceiro e do río do que se abastece o concello.

3 comentarios:

  1. Ando bastante polo monte e, por desgracia, "paisaxes" coma estas son o noso pan de cada día.
    Parecera que neumáticos, electrodomésticos varios, mobles, escombro de obra... tiveran unha tendencia natural de ir morrer ó monte cando lle chega o seu momento, como se daquel cemiterio de elefantes que saía nas películas de Tarzán se tratase...

    O que máis me cabrea destas escombreiras no monte é que sexan os nosos propios veciños, que tan "ecoloxistas" son para algunhas cousas e rápido che chaman a atención se che ven facendo calquera cousa no monte sospeitosa para eles, os que despois o utilicen de vertedeiro para todo o que sobra na casa. Claro! Total a maleza acaba tapando todo e, con tal de que non se vexa, xa non causa dano... non si?

    ResponderEliminar
  2. Aínda que é verdade que critico bastante o servizo de recollida deste tipo de refugallos por parte do Concello (pasa o mesmo noutros independentemente da cor do goberno de quenda), prefiro mil veces que os veciños os depositen a carón dos contedores que tiralos no monte ou ríos, como tamén acontece.
    Nos espazos habilitados máis tarde ou máis cedo retírannos, pero os do monte case me atrevo a afirmar que quedaran alí de por vida.
    Tamén é verdade que son os propios veciños do entorno os que abusan desta práctica e no entendo, porque na maioría dos casos teñen moito más preto a zona dos contedores. Cando subín as fotos, non me decatei que tomara outra máis que engado agora.

    ResponderEliminar
  3. Outra...! Maldita manía de "pavimentar" os camiños con escombro!

    ResponderEliminar

Os comentarios son libres, só pido sentido.