domingo, 16 de xaneiro de 2011

Outra forma de ver mundo

Captura de pantalla: La Voz de Galicia
Quero supoñer que o amable veciño ou veciña que no seu día me deixou na páxina web que teño da parroquia esta mensaxe tan "agarimosa", agora se dirixirá á páxina de Street View de Google, para dicirlle o mesmo, ou non?

Páxina web: nebra.es.tl
Hora: Thu May 28, 11:47 pm
Mensaje: Co tranquilos que viviamos sen que ninguen soubese de nos e ti andaslle enseñando onde vivimos os de fora, sera para que veñan a roubarnolo pouco que temos.

Dous minutos para percorrela comarca

Tras o paso do famoso coche do Street View de Google pola zona, xa é posible realizar unha viaxe virtual a través da Rede polos diferentes municipios de Barbanza

O de darse unha volta virtual pola zona nunca foi unha intención tan literal nin tan factible como o é na actualidade. Grazas ás técnicas informáticas máis modernas percorrela comarca barbancesa de punta a punta con panorámicas a pé de rúa de 360 graos é perfectamente posible cunha simple conexión a Internet e un mínimo de habilidade co rato ou o teclado do computador.

Grazas á ferramenta Street View, que incorporan as aplicacións Google Maps e Google Earth, xa se pode viaxar de Ribeira ata Mazaricos en apenas un par de minutos, bordear toda a ría de Muros e Noia ou pararse no medio da autovía de Barbanza para deleitarse con espectaculares imaxes de Rianxo ou A Pobra, ou coas mellores vistas da ría sen medo a sufrir ningún tipo contratempo.

E é que esta ferramenta informática permite gozar de imaxes en alta definición de boa parte da comarca grazas ás gravacións realizadas, durante os últimos dous anos, por varios equipos técnicos pertencentes ao máis coñecido dos buscadores web.

Alta definición

Os traballos na zona sur da provincia da Coruña empezaron nos últimos meses do 2009 e completáronse durante o pasado verán coa incorporación de imaxes en alta definición dalgunhas zonas da área barbancesa.

A técnica que emprega Google consiste na utilización simultánea de nove cámaras montadas sobre un automóbil que circula polos lugares a gravar que permiten captar panorámicas horizontais de 360 graos e verticais de 290 graos. É dicir, esta tecnoloxía permite alzar a vista ao ceo para contemplar os edificios máis altos ou simplemente saber se no momento da viaxe brillaba o sol ou facía mal tempo.

Aínda que nas grandes cidades de todo o país o percorrido pode facerse pola práctica totalidade das rúas, no caso da comarca barbancesa o buscador só incorporou aquelas imaxes que permiten a circulación virtual polas principais estradas dos once municipios.

Ao detalle

A pesar deste hándicap, a través de Internet poder viaxar pola zona co mesmo nivel de detalle que se un fose andando tranquilamente pola estrada seguindo a costa desde a entrada de Ribeira ata Muros, atravesando os núcleos de Porto do Son, Noia e Outes. Iso si, sen posibilidade de atravesar a ponte da variante inaugurado esta semana que, na aplicación, aínda está en pleno proceso de construción.

Tal é a definición das imaxes que se pode recoñecer perfectamente os coches ou ata a identidade das persoas que circulaban pola rúa no momento en que se gravaron as imaxes, aínda que desde o buscador optaron por difuminar os rostros e as matrículas dos vehículos que se atopaban ao seu paso. Esta ferramenta está a ser aproveitada xa por numerosos establecementos comerciais da zona, que publicitan os seus negocios a través destes mapas interactivos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.