xoves, 10 de xuño de 2010

Casota do Páramo

Este túmulo funerario está na Graña, na parroquia de Cures. É da época neolítica e de grandes proporcións. No seu centro afloran os restos dunha gran cámara megalítica da que se conservan o sete ortostáticos da cámara, un do corredor e dúas laxas da cuberta da cámara e outra do corredor. Ten unha solución arquitectónica na configuración do corredor moi orixinal. Consiste nun primeiro tramo de corredor megalítico e un tramo exterior construído con muros de mampostería.


Foi aldraxada e incluso seccionada a súa tapa por mandato dun ex-alcalde franquista de Boiro. Tamén foron removidos os seus chantos laterais, laxes cravadas verticalmente. Xa na Democracia, a Sociedade de Caza e Pesca de Porto do Son fíxolle unha pintada.
Nesta visita e xa van unhas cantas, decateime por primeira vez das marcas duns grilos de canteiros, cos que tronzaron a chanta que fai agora de entrada.


A novidade en comparación con outros dolmens é que posúe unha enigmática inscultura no seu interior, un sol e unha especie de copa moi ben conservadas todas elas. Da copa saen unha especie de brazos.
Sen dúbida é a máis fermosa e mellor conservada de tódalas descubertas do Barbanza.

Dende o seu emprazamento, en azul ollase a que foi a última morada de meus avós da Graña, aos que visitaba case tódolos fins de semana dende Nebra, e a pesar de ser moi raparigo facíao só polo medio do monte.
Dado que comecei con máis de sete anos á escola, ata esa vivía máis alí que en Nebra, xa que me encantaba levar a pastar con meus curmáns e os amigos, as ovellas e as cabras na nosa quenda, e o resto dos días, as 6 ou 8 vacas mansas, que tiñan meus avós.
Nesta foto moito máis amplía, pódese ver en vermello o bar O Seara, do meu curmán Antonio, e as novas pistas da parcelaria.


A parte dos lobos que daquela habíaos e moitos, quizais o máis perigoso era a néboa, por moito que se coñecera a zona. En boa hora o diga nunca tiven contratempos, tanto nas miñas visitas coma de pastor, pero foron moitos os que se desorientaron e perderon no medio dela, o último caso fora o dun rapaz de A Figueira, do que se encontraron os seus restos anos despois.
Lobos lembro habelos visto pola Graña, e unha cría viva no maleteiro do coche do finado de meu tío Antonio da Graña, que non lembro a onde o levara. Collerana nunha das batidas que-lles facían, xa que a parte do ataque a cabalos e vacas en liberdade, como nos quedase unha ovella ou cabra atrás, non volvía a aparecer.
Nestes momentos venme a memoria o mudo de Noceda (Ramón), da casa do Grego. A pesar da súa minusvalía era unha persoa moi activa e nas batidas, sempre adoitaba levar un pau moi grande e ía por diante de todos facendo ruído para que o lobo fuxise.
Abaixo a pista que dende Moimenta ou dende Nebra, nos leva á Graña e cruza toda Serra.


Arousa Norte/Audioguias

4 comentarios:

  1. Moi bo relato, Paco.

    Estás en todas, meu. Historias auténticas e verdadeiras, que aínda as poden contar xente coma ti que viviron estes mundos, lembrándolle á ghlobaliçaçión que as diversidades e particularidades aínda existen.

    Que non morran nunca, para dar máis riqueça e beleça á vida e ao mundo.

    Sighue así, compañeiro.

    Un saúdo de Ramón de Cures.

    ResponderEliminar
  2. eu diria que a copa, non é outra cousa que o busto dun home, de feito ten unha cariña e cabeza, e do tronco sean cadanseus brazos, é unha figura antropomorfa.

    ResponderEliminar
  3. Estaría ben que os gravados foran obxecto do debido estudo e análise arqueolóxicos, poderían resultar anacrónicos respecto do tempo da construcción dolménica.

    Por outra banda, Paco, un pracer ler dos teus relatos e aventuras. Apertaza.

    ResponderEliminar

Os comentarios son libres, só pido sentido.