domingo, 14 de marzo de 2010

O monte é noso

Como saben os asiduos visitantes a esta bitácora, aquí adoito falar máis de cousas do Concello que da Comunidade de Montes, pero é que neste post mezclase unha cousa coa outra. A causa é que a raíz dunha visita á bitácora da Comunidade de Montes de Camboño, atopeime coa información de que o seu Alcalde levou ao Pleno Municipal o inventario de bens municipais. Nese inventario aparece coma ben municipal a parcela onde se atopa a antiga estación DECCA, parcela, que ao parecer segundo o ditame do Xurado Provincial de Montes, lles pertence.

Rematan a súa información atribuíndo á nosa comunidade a titularidade dunha pequena tira no poñente e aquí é onde ven a miña incredulidade. Nunha reunión que tiveramos co ex-alcalde Ramón Quintáns, atribuíra ao Concello, ao igual que pretende agora o alcalde de Lousame coa parte de Camboño.

A pregunta formularalla a raíz de que o Garda Forestal nos fixera un informe sobre o uso privativo que estaba facendo a xente que se tira dende alí en parapente, sen contar, segundo el, co permiso preceptivo da Comunidade. Nesa reunión, coma en outras, ningún dos ex-compañeiros mostrou a mais mínima intención de comprobala verdade e o tema morreu aí, ata agora.

De rapaz sempre lle escoitara aos nosos maiores que ese monte era noso, pero ao igual que pasou con moitas cousas na Ditadura, foinos usurpado para facela estación. O que non entendo e porque unha vez que se fixo a desafectación, non se nos comunicou a súa devolución.

Dende logo unha cousa téñoa clara, ao igual que fixen coa leira onde fixémolo local, non vou a loitar en solitario para reclamalo que é de todos, non vaia a ser que despois me quede co pufo ao lombo, pero iso non quere dicir que teña que calar.

Non sei de que lado esta a verdade e todo seria cousa de comprobalo, pero do único que non teño dúbidas e que se o Concello de Lousame e o noso se queren atribuíla titularidade deses predios, estaríanse beneficiando dun atropelo cometido na Ditadura e se sindicatos e partidos políticos tiveron dereito a que se-lles devolvese as súas propiedades, nós tamén temos ese dereito. Isto tamén é parte da nosa Memoria Histórica.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.