luns, 15 de febreiro de 2010

É tempo de Entroido

Como ben din nunha bitácora local, é tempo de Don Carnal, no que ademais de enchelo bandullo a base de lacoadas co noso marisco do cortello e grelos da horta, filloas de sangue que algúns mollan en viño tinto, brancas con azucre, nata ou mel e orellas ou rosquillas, a xente tamén aproveita para escribir coplas retranqueiras ou burla.

Agora parece que os máis mal parados son os nosos políticos e non me entrañaría que haxa algunha sobre o "jran acontecemento local": a moción de censura. Antigamente esas coplas ían dirixidas contra os pobos veciños, os curas, as sogras, etc.

A pesar de vivila miña nenez en plena Ditadura e máis estar prohibido o entroido, chegados estes días sempre había choqueiros que ían casa por casa pedindo filloas e viño, aínda que nalgúns casos escapaban con prato cheo. Filloas que na maioría dos casos aquí se facían ao calor da pluma (ou frouma) dos pinos e tal vez fose o seu fume e o óleo que tan ben facían os muíños do río, que tiñan un sabor moi característico.

Lamentablemente este tempo tamén era aproveitado polos mozos para facer argalladas. Unha costume era sacarlle o carro do curral ao veciño e levarllo ao monte e aínda que algúns fosen previsores, era peor o remedio que a enfermidade. A un veciño non se-lle ocorreu outra cousa que meterlle a cabezalla nun furado da casa e poñerlle a chavella por dentro, deste forma pensou que evitaba que llo levasen. Foi o peor que puido facer, cun serrón cortáronlla e leváronlle o resto.

Outro dixo que non se atreverían a levarllo porque ía durmir nel. Como tiña un sono moi profundo, espertou pola maña na Costa do carballo en Resúa. É o último, estaban uns nesa mesma costa cun carro cando chegou outro grupo. Un deles di de tiralo monte abaixo e aínda que os primeiros insisten en que non, sáese coa súa... pola maña seu pai tivo que andar a xuntalos cachos.

Anécdotas contadas por meu pai, que tamén estivo polo medio. Ademais destas falcatruadas tamén se botaban coplas, na súa maioría burlescas.


Dei volta por San Xusto
e vin por Ribasieira
non hai mulleres o meu justo
non hai muller que me queira

Se o río de Esteiro
levase coñac
máis de catro lambóns
irían ala

A Graña xa é unha vila
ten un burro na entrada
e un cabalo na saída

O río cando vai cheo
leva carballos e follas
tamén podía levar
as linguas murmuradoras

O que perdeu a burra
a maila muller
pouco máis pode perder

A farola do Pazo
estase matando á risa
ao ver os mozos de Nebra
con corbata e sen camisa

Subila baixala non
subila costa de Calo
e baixala de Xamiñón

Para Calo non hai quen vaia
Para Calo ía eu
se houbera quen me levara

Eu en Calo non me afaría
que cando dan o almorzo
xa pasa de medio día

Os de Resúa mataron unha burra
os de Puilla comérona crúa
os de Calo mandaron recado
que lle deixaran a croca do rabo
e os de Queiro puxeron bandeira
que lle deixaran a tripa cagueira

Carroucheiros de Baroña
naufres de San Sadorniño
os burlaqueiros de Nebra
hanvos de tirar ao río

Para cantar e bailar
os de Nebra teñen a sona
para beber pola bota
os carroucheiros de Baroña

Miña sogra cando berra
tropea no chan da casa
ela dime ponte fóra
eu digo ten boa traza

Todos tienen una suegra
yo queria tener dos
para ponerlas al carro
y de carretero yo

O cura cando vai fóra
déixalle dito á criada
veña tarde veña cedo
ti déitate na miña cama

O cura vendeu a burra
por non lle dar a cebada
e agora vai aos enterros
a cabalo da criada

Os curas e os tabernerios
son todos da mesma opinión
canta máis xente teñan
máis cartos para o caixón

Acudide mociñas de Nebra
acudide ao noso cura
que caeu do campanario
entre o medio da verdura

Mozas do Campo de Noia
acudide ao fraile Pedro
que caeu da ponte a baixo
e rompeu a perna do medio

O cura de Vigo é xastre
o de Marín mariñeiro
o de Ourense afiador
e o de Noia zapateiro

No tocante á ultima copla, teño que indicar que en Nebra tivemos un cura pluriempregado que superou a estes catro. Don José, que se embarcou nun barco do cerco e tivo unha pequena lancha, a raposa, coa que foi ao berberecho.

Bo Entroido.

1 comentario:

Os comentarios son libres, só pido sentido.